
A Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa organiza mañá, xoves 12 de novembro, unha xornada de familiarización turística dirixida a guías oficiais de turismo de Galicia e a axencias de viaxes. O eixo da xornada é o Camiño A Orixe, a ruta xacobea que fai do territorio un destino de peregrinación singular, e o obxectivo é que “estes profesionais, que deseñan percorridos e levan grupos durante todo o ano, a incorporen aos seus itinerarios e a recomenden aos seus clientes”, segundo informou a entidade supramunicipal formada por Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo.
O Camiño do Barbanza
Lembran que o Camiño A Orixe é unha ruta xacobea que parte do faro de Corrubedo, en Ribeira, e percorre a península do Barbanza ata Santiago de Compostela, enlazando co Camiño Portugués. Ao longo de 138 quilómetros, recorda a orixe da tradición xacobea: a chegada por mar, a través da ría de Arousa e dos ríos Ulla e Sar, dos restos do Apóstolo Santiago para o seu traslado a Compostela.
Barbanza Arousa conta así con dúas rutas xacobeas: por terra, o Camiño A Orixe, e por mar, a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.
A xornada deste xoves
A xornada comezará cunha presentación específica do Camiño A Orixe, e o percorrido polos catro concellos de Barbanza Arousa permitirá aos guías coñecer de primeira man as paisaxes, o patrimonio e a cultura mariñeira que acompañan ao peregrino.
Esta acción dá continuidade á promoción do Camiño A Orixe que a Mancomunidade desenvolveu en outubro na praza do Obradoiro de Santiago, onde informou directamente aos peregrinos sobre esta ruta. Agora, o foco ponse nos profesionais que poden levar grupos e peregrinos ao territorio.

Un percorrido polos catro concellos
En Rianxo, os participantes farán un paseo pola vila mariñeira e polas casas dos seus ilustres. En Boiro visitarán o Castro de Neixón e o Centro Arqueolóxico do Barbanza. Na Pobra do Caramiñal, ademais dunha cata e xantar con produto do territorio, coñecerán o Museo Valle-Inclán e, se o tempo o permite, o Miradoiro da Curota. A xornada rematará en Ribeira, o concello onde comeza o Camiño A Orixe, cunha visita guiada á puxa do variado na Lonxa.
Esta xornada é unha acción financiada a través do convenio que a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa ten asinado coa Axencia Turismo de Galicia. A organización técnica corre a cargo da consultora Crea e Innova.
Programa
10:30
Rianxo · Oficina de Turismo
Benvida e presentación do Camiño A Orixe e do destino Barbanza Arousa
10:50
Rianxo
Percorrido guiado pola vila: casas dos ilustres e casa do remo
12:00
Boiro · Castro de Neixón
Visita guiada ao castro e ao Centro Arqueolóxico do Barbanza
13:30
A Pobra do Caramiñal
Cata e xantar con produto do territorio
15:30
A Pobra do Caramiñal
Miradoiro da Curota, barrio dos Cataláns e Museo Valle-Inclán (segundo o tempo)
17:45
Ribeira · Lonxa
Visita guiada á poxa do variado
18:30
Ribeira
Peche da xornada



