
Hoxe, en plena xornada de folga, vivín na zona nova unha situación que custa crer. Presenciei como, segundo o que puiden observar, piquetes vinculados á CIG e á contorna do Bloque Nacionalista Galego increpaban e tentaban impoñer a súa vontade nun establecemento hostaleiro. A situación chegou a ser especialmente preocupante cando unha persoa, portando un pau e unha bandeira, aparentemente tentou agredir a varios clientes.
Se os feitos sucederon como os presenciei, estamos ante algo que non debería ter cabida nunha sociedade democrática.
Quero deixar algo moi claro: o dereito á folga é sacro, pero tamén o é o dereito de quen decide traballar, abrir o seu negocio ou simplemente sentarse a tomar un café.
A liberdade non consiste en obrigar aos demais a pensar como un mesmo. E moito menos en intimidar, ameazar ou utilizar a violencia contra quen toma unha decisión diferente.
De verdade alguén pretende representar e gobernar Galicia mentres se toleran comportamentos desta natureza?
Unha folga deféndese con argumentos, non con paus. Convéncese, non se ameaza. Respéctase a quen a secunda, pero tamén a quen libremente decide non facelo.
A liberdade sindical non pode converterse nunha obriga sindical.
Hoxe a miña reflexión é sinxela: respecto absoluto ao dereito de folga, pero exactamente o mesmo respecto para quen non quere facela.
Porque a democracia non consiste en impoñer. Consiste precisamente en respectar ao que pensa e actúa de maneira diferente.ç
José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.



