
Galicia, ao igual que o resto de España, viviu este mércores unha xornada de folga xeral que obtivo desigual resposta, segundo a procedencia da información que cada quen facilite ou reciba. Nada novo porque así vén sendo desde que en España son legais os sindicatos: abril de 1977, en plena transición democrática, un proceso no que tal legalización contribuíu á aceleración do proceso que nos conduciu a ser un país distinto no que os empresarios ían por un carreiro e os sindicatos por outro con, certamente, algunha que outra circunstancia converxente e non facendo o mesmo camiño xuntos, como acontecía decote no franquismo, período certamente longo no que no seu sindicalismo amañaba as disidencias entre empresarios e traballadores nun acto de conciliación no que as decisións eran adoptadas por un avogado do plantel do Ministerio de Sindicatos (do que durante tantos anos fora responsable José Solís Ruíz, “o sorriso do réxime”).
Que lonxano aparenta estar ese tempo no que as manifestacións estaban prohibidas e xa nada digamos das folgas!.
Cando estas se producían, os cidadáns daquela España enterabámonos dos feitos polas informacións de Radio España Independiente, a BBC de Londres ou Radio París. Os medios de comunicación españois nada dicían, pero despois transcendía que a Policía detivera a unha chea de “axitadores”.
Agora a diferenza de opinións radica no que din os empresarios (para os que as folgas son un fracaso dos sindicatos e o Goberno de turno), o que din os distintos sindicatos (que nunca avalían as folgas á baixa) e tamén opinan os sempre disconformes, para os que a convocatoria dunha folga xeral é consecuencia do contubernio goberno-sindicatos para amolar aos obreiros mentres eles enchen os bandullos de marisco.
O xeneral deixounos unha boa herdanza. Abofé.



