
A Deputación de Pontevedra vén de publicar un facsímile de Os vellos non deben de namorarse, a única obra de teatro da autoría do escritor, artista e político rianxeiro Alfondo Daniel Rodríguez Castelao. Preséntase este martes 27 de outubro ás 19:00 h, coas intervencións do vicepresidente, Rafa Domínguez; a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Esta publicación contén tres volumes en tapa dura, presentados nun estoxo. Trátase dunha edición de calidade, realizada a través dun acordo con Galaxia Editorial, e no que se reproducen os textos manuscritos de Castelao e as ilustración coas que acompañou unha obra da que el mesmo describiu como “imaxinada por un pintor e non por un literato”. Poranse á venda un reducido número de exemplares, pero o obxectivo principal da edición é poñela a disposición de institucións e investigadores.

Dous dos volumes que forman a publicación correspóndense coas edicións facsimilares dos dous manuscritos conservados no Museo de Pontevedra desta obra de Castelao. A primeira versión manuscrita é a que o artista lle regalou ao seu grande amigo Rodolfo Prada en 1940. É unha versión preliminar, que se atopa encadernada en pel e coas ilustracións intercaladas co texto. O segundo manuscrito, no que se basea a edición posterior de 1953, consérvase nun estoxo con tres carpetas, nas que texto e as ilustracións están sen encadernar.
Un terceiro volume reúne catro estudos sobre a obra. Ángela Comesaña, responsábel de Publicacións do Museo de Pontevedra, analiza polo miúdo os dous manuscritos que se conservan no Museo.
O muradán Henrique Monteagudo presenta unha exhaustiva análise sobre a xestación da obra a partir da información contida nestes manuscritos, así como as correccións, engadidos e comparacións entre ambas as versións.
Ademais, o dramaturgo Roberto Pascual ofrece unha lectura sobre esta peza de Castelao como proxecto artístico transformador que acadou unha singular transcendencia para a cultura galega desde os puntos de vista social e simbólico.
Por último, Miguel Anxo Seixas Seoane relaciona no seu estudo a biografía de Castelao coa súas facetas como escritor e debuxante, condensadas en Os vellos non deben de namorarse.



