
Noia vai celebrar o remate do mes de outubro cunha nova Foliada no Curro, coincidindo co último sábado do mes e, tamén, coa festividade do Samaín. Desta volta a xuntanza (aberta, festeira e participativa) terá formato de Foliada da Arada, e dará comezo ás 18.30 na praza do Curro, no serán e na noite deste sábado 31 de outubro.
Segundo explican as entidades organizadoras (entre as que se atopa a asociación empresarial Noia Histórica), o formato elixido de Canto da Arada vén dado para acompañar e conmemorar con folclore tradicional galego as tarefas agrícolas de labrar e preparar a terra co arado.
Na foliada poderán participar persoas de todas as idades e celebrarase ata a medianoite. Haberá música, baile e roupa tradicionais. Tamén haberá empanadas, sorteos e un obradoiros.
Este trouleo está organizado por O Tamara e Café Bar Jaratusas e colabora Pon un Sancosmeiro, Noia Histórica, Servizos Ultramarinos A de Aurora e o Concello de Noia.



