
O PSdeG-PSOE de Ribeira, a través do seu voceiro Francisco Suárez-Puerta, emitiu un comunicado relativo ao pleno da Corporación deste 26 de outubro. Nel critican “o descontrol no que o Partido Popular está a converter os plenos municipais” e din que na sesión celebrada este luns o Goberno só presentou un asunto novo, impulsado pola Asociación Española Contra o Cancro e a Deputación da Coruña, presidida polo PSdeG, mentres o resto dos puntos procedían da sesión anterior. “Estamos ante unha falta de iniciativa que contrasta coa acumulación de propostas socialistas que a alcaldesa non permite chegar a debater”, indicou o voceiro do PSdG, engadindo que “o próximo mes, con sorte, poderá tratarse a proposta para que os concelleiros informen sobre o cumprimento dos acordos plenarios, unha cuestión sobre a que o Goberno leva dous meses evitando dar explicacións”.
O grupo lembrou ademais que “tamén quedou sen debater a iniciativa socialista para estudar a declaración de Ribeira como zona de mercado residencial tensionado, tras unha sucesión de intervencións prolongadas, sobreactuacións e descansos innecesarios que”, segundo o PSOE, “buscaron deliberadamente atrasar o debate ata despois das eleccións nacionais”.
“Non lles importa a vivenda nin os problemas dos veciños de Ribeira, impórtalles o calendario electoral nacional”, sinalou Suárez-Puerta, indicando que “o máis preocupante foi a actitude da alcaldesa, que anteriormente esixira unha aplicación estrita do regulamento para impedir o debate sobre a residencia de maiores e agora permite interrupcións, insultos e descualificacións de todo tipo”.
Así, indican que “durante o debate sobre o ciberacoso, a concelleira de Educación, Juana María Brión, realizou comentarios que os socialistas cualifican de gordófobos, aos que tamén se sumou Vicente Mariño, mentres a señora Barreiro profería outras descualificacións ás que, por desgraza, os socialistas xa estamos acostumados”.
Os socialistas din tamén que o tenente de alcalde, Vicente Mariño, “chegou a interromper reiteradamente ao portavoz socialista durante a defensa dunha proposta para publicar na web municipal un calendario das actuacións de limpeza previstas, iniciativa coa que o PSOE pretendía responder á preocupación veciñal polo estado de sucidade de Ribeira, permitindo coñecer cando e onde ten previsto actuar o Concello”.
“Para nós o máis sorprendente é que a alcaldesa, responsábel de garantir a orde e o cumprimento do regulamento, unicamente chama a atención á oposición, sen realizar unha soa chamada á orde aos membros do seu Goberno”, indicou Suárez-Puerta, lamentando que “os plenos municipais se estean convertendo nun espectáculo no que o Goberno evita render contas, atrasa propostas e tolera os insultos dos seus propios representantes”.



