
Sen dúbida unha cousa é a realidade e outra moi diferente a legalidade vixente. Desde algúns colectivos sociais e plataformas cidadás atópanse, con demasiada frecuencia, co muro do despropósito de moito gobernantes. Case sempre apelan á “legalidade” para non deixar de aceptar que hai necesidades básicas que non están cubertas para moito persoas e familias pero a legalidade é a que é e non poden vulnerar a mesma.
De feito, está moi ben que teñamos uns dirixentes tan responsablemente sometidos o imperio da Lei pero haberá que preguntarse, como é entón que hai tantos casos de corrupción e malversación de fondos públicos? Nestes casos ningún é por axudar a colectivos desfavorecidos e vulnerables senón por levarse diñeiro público para o seu propio beneficio persoal ou familiar.
A legalidade?. Señores gobernantes, tanto locais, provinciais, autonómicos e estatais, haberá máis legalidade que a propia Constitución: “os cidadáns e os poderes públicos están suxeitos á Constitución … “. “Os españois son iguais ante a lei …”. “Recoñécese o dereito á protección da saúde”. “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada”. Máis concretamente no artigo 50 establécese que, “ … Así mesmo e con independencia das obrigas familiares, promoverán o benestar dos cidadáns mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer”. A nosa Lei de leis é o punto de partida de todas as disposicións legais e ningunha delas pode vulnerar, entre outros, os principios reitores da política social e económica.



