
Unha vintena de artistas barbanzáns emprenden xuntos o Camiño da arte, a quinta edición dunha mostra colectiva que posibilita desfrutar do seu talento do 9 de outubro ao 14 de novembro, no Centro Cultural Lustres Rivas.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, manifestou que son “cinco anos espallando arte, espallando talento, espallando cultura. Un percorrido que emprenderon xuntos estes creadores de Ribeira e da contorna, tanto noveis coma consagrados, e que ten como meta esta instalación cultural para facernos partícipes do seu bo facer”.
Comisariada pola artista Goretti Bello e polo xestor cultural municipal, Unai González, o resultado son 37 obras onde se atopan óleos, acrílicos, acuarelas, pasteis ou, incluso, vidro.

“Esta variedade de temáticas exemplifica tamén a heteroxeneidade do grupo de creadores dos que podemos desfrutar nesta exhibición. Unha vez máis constátase que a cultura sirve para tecer pontes e que, das sinerxías, saen resultados así de fermosos”, declarou a rexedora.
A dita iniciativa ao redor do mundo da arte xurdiu no 2021 nos comercios para ir evolucionando co tempo ata ser de carácter bianual e levarse exclusivamente ao Lustres Rivas.
O público asistente puido levar cadanseu catálogo editado polo Concello de Ribeira, cunha tirada de 300 exemplares. A sala permanece aberta de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, así como os sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.



