A Deputación mobiliza 5 millóns na nova edición do programa de apoio ao comercio local MercaNaVila

02 Outubro 2026

A Deputación da Coruña destina este ano 5 millóns de euros á nova edición de MercaNaVila, o programa de apoio ao comercio local dos pequenos concellos da provincia, impulsado en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presentou hoxe a nova edición acompañado pola deputada Avia Veira, a deputada de Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Novamente a web mercanavila.gal será en boa medida o epicentro de todas as actividades programadas.

A campaña permitirá que cada persoa maior de idade dispoña dun bono para descarga de 100 euros en descontos para realizar compras nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes entre o 20 de outubro e o 20 de novembro.

Formoso enmarcou MercaNaVila na política da Deputación de apoio aos concellos pequenos e de fomento da súa actividade económica e social. “O comercio local é unha peza fundamental para manter vivos os nosos concellos, especialmente no rural”, sinalou, destacando que os 5 millóns de euros destinados á campaña “chegarán directamente ás tendas, aos pequenos negocios e ás rúas das nosas vilas” e servirán para incentivar o consumo de proximidade nun momento no que hai cada vez máis compras online. “Queremos que estes bonos animen a mercar no comercio local, que o diñeiro quede nos nosos concellos”, sinalou.

A través do programa MercaNaVila, as persoas maiores de 18 anos poderán beneficiarse de descontos para acumular de ata 100 euros. As bonificacións aplicaranse directamente no momento da compra, con descontos de entre 10 e 30 euros, en función do importe do tícket.

Os bonos poderán ser utilizados por calquera persoa, con independencia do seu concello de residencia, “sempre que realice a compra nun dos locais adheridos situados nos municipios participantes”. Desta maneira, a Deputación busca tamén atraer consumo cara ás pequenas vilas e incrementar o volume de negocio do seu tecido comercial.

Formoso tameń avanzou que a Deputación buscará acordos coas asociacións de comerciantes dos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes para impulsar programas específicos de apoio ao comercio local adaptados ás características destes municipios. “Queremos estender esta política de apoio a todo o territorio, pero facéndoo da man do sector e deseñando medidas que respondan ás necesidades reais de cada tipo de concello”, sinalou.

A nova convocatoria de Mercanavila chega despois do éxito acadado en 2025. Na primeira edición descargáronse máis de 93.000 bonos, realizáronse máis de 293.000 operacións comerciais e participaron 1.080 establecementos.

En total, a campaña permitiu mobilizar máis de 16 millóns de euros en vendas no comercio local, multiplicando así o impacto do investimento realizado pola Deputación.

“Os datos demostraron que este programa funciona e que cada euro público investido é capaz de xerar un efecto multiplicador sobre a economía local”, afirmou Formoso, que destacou que a nova edición pretende consolidar este impacto e chegar a máis negocios e consumidores.

Pola súa banda, a deputada Avia Veira dixo que “o comercio local é emprego, actividade económica, vida nas rúas e cohesión social” e enmarcou MercaNaVila na aposta da Deputación por fortalecer o tecido económico dos concellos.

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, destacou que MercaNaVila dá continuidade a unha iniciativa que xa demostrou o seu éxito na primeira edición e que permite “apoiar e dinamizar o tecido comercial das zonas rurais da provincia”.

Seijas puxo tamén en valor a aposta económica da Deputación, con 5 millóns de euros destinados á campaña e bonos de 100 euros por persoa usuaria para realizar compras nos establecementos adheridos contribuíndo a xerar actividade económica, manter riqueza no territorio e “encher de vida os nosos municipios”. Valorou tamén o diálogo mantido coa Deputación para adaptar o calendario da campaña e evitar a súa coincidencia cos principais períodos comerciais do Black Friday e do Nadal.

O prazo para que os comercios se adhiran ao programa estará aberto entre o 6 e o 20 de outubro.

A cidadanía poderá descargar os bonos a partir do 20 de outubro e utilizalos desde esa mesma data ata o 20 de novembro de 2026, ou ata que se esgote o orzamento de 5 millóns de euros.

A campaña desenvolverase nos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, reforzando así “o papel da Deputación como administración de apoio aos municipios pequenos e ao seu tecido económico local”, explicou Formoso.

Outros artigos

Ribeira prepara xa a III Milla do Día da Hispanidade

O Concello de Ribeira colabora coa Escola de Boxeo El Canario no desenvolvemento da III Milla Día da Hispanidade que se celebra o vindeiro luns 12 de outubro con saída ás 11.00 horas, dende o Malecón. Á presentación asistiron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, e...

+

COGAMI impulsa unha campaña para captar talento de xente nova

A campaña tamén chegou ao Centro Social de Boiro A confederación inclusiva COGAMI que preside o sonense Anxo Queiruga lanzou unha campaña de sensibilización e captación de talento de mozas e mozos para dar a coñecer o Servizo de Emprego entre a xente nova con...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana”. Mario Clavell

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.