
Co remate de setembro, a Asociación Boirense de Empresas (ABE) puxo en marcha o Club ABE, unha nova comunidade gratuíta dirixida ás persoas que mercan nos establecementos locais, que visitan Boiro e que coñecen e desfrutan das súas empresas ou simplemente queren estar ao día do que acontece no tecido empresarial e comercial da vila.
Baixo o lema A comunidade de persoas que apostan polo local, o Club ABE quere converterse “nun punto de encontro entre as empresas asociadas e as persoas que están detrás de cada compra, cada visita e cada experiencia”, informou a asociación, engadindo que estamos ante “unha comunidade aberta tanto aos clientes habituais como a potenciais clientes e visitantes que queiran descubrir novas propostas e estar máis preto do que acontece en Boiro”.

A ABE sinala tamén que “formar parte do Club terá vantaxes”. Deste xeito, as persoas inscritas serán as primeiras en recibir información sobre campañas, novidades, actividades e eventos da ABE e poderán acceder a sorteos e concursos exclusivos, así como a outras accións especiais que se irán poñendo en marcha ao longo do ano.
A iniciativa xa conta neste momento con 538 membros, unha cifra que a asociación agarda seguir incrementando nas vindeiras semanas e meses: “Queremos que o Club vaia medrando e que cada vez sexan máis as persoas que se sintan parte desta comunidade. Ser membro significa estar máis preto do que acontece nos nosos negocios e, sobre todo, ter a oportunidade de coñecer antes as iniciativas da ABE e participar en accións pensadas especialmente para o Club”, explicou Daniel García, presidente da ABE.

O primeiro sorteo exclusivo para os membros do Club ABE está previsto para finais deste mes de outubro e será a primeira das accións especiais que a asociación desenvolverá especificamente para esta comunidade.
A ABE apuntou tamén que “formar parte do Club é totalmente gratuíto e o único requisito para darse de alta é facilitar un enderezo de correo electrónico, ademais non é necesario ser empresa asociada nin cumprir ningún outro requisito”. As persoas inscritas recibirán as comunicacións da ABE cando existan campañas, novidades, actividades, eventos ou accións de interese, sen unha frecuencia fixa e evitando saturar as súas bandexas de entrada.
Por outra banda, non será preciso facilitar datos adicionais simplemente por formar parte do Club. “Queremos que sexa sinxelo. O correo electrónico é suficiente para recibir información. Se alguén quere participar nunha determinada acción ou sorteo poderá decidir se quere ou non participar”, sinalou o presidente.

Ao longo do ano, o Club ABE poderá ofrecer tamén sorteos, concursos, agasallos, experiencias, invitacións a actividades e outras propostas vinculadas ás campañas da asociación e ás empresas asociadas.
A alta é gratuíta, sen permanencia nin compromiso, e as persoas membros poderán darse de baixa en calquera momento.
“Queremos construír unha comunidade de persoas que apostan polo local e que senten que forman parte do que acontece en Boiro. Porque detrás de cada negocio hai persoas, e detrás de cada compra tamén. O Club ABE nace para conectar esas dúas partes e facelo dun xeito próximo, sinxelo e participativo”, conclúe a ABE.
As persoas interesadas xa poden unirse ao Club ABE a través da web da Asociación Boirense de Empresas.



