O Noia Harp Fest pechou a súa 13ª edición reivindicando o talento feminino

04 Agosto 2026

O Noia Harp Fest vén de pechar a súa décimo terceira edición co foco posto na produción propia, na innovación musical e nunha destacada presenza feminina que articulou boa parte da programación. Durante catro días, o festival volveu situar a vila como punto de encontro para o instrumento, pechando a entrega máis concorrida do seu historial tralo pleno de público nos seus distintos escenarios -o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, as igrexas de Santa María A Nova e San Francisco, e a praza do Tapal-, onde mesmo quedou xente fóra en varios concertos.

Concerto de clausura da gambiana Sona Jobarteh na Praza do Tapal

A dirección fai un balance “moi positivo” dunha cita que combinou a presenza de grandes figuras internacionais coa estrea de proxectos creados especificamente para o evento.

Siobhán Armstrong encheu Santa María A Nova coa súa arpa galélica

No apartado de referentes globais, o festival contou co afropop de Sona Jobarteh, o jazz de Park Stickney, a interpretación da arpa gaélica de Siobhán Armstrong e o virtuosismo de Maeve Gilchrist, cuxo concerto no Coliseo Noela destacou especialmente polo seu ritmo, delicadeza e exhibición técnica.

A escocesa Maeve Gilchrist actuou o venres 31 no Teatro Coliseo Noela

No camiño da innovación e novos formatos -que o festival abriu no 2022 coa creación do Premio Portus Apostoli-, o Noia Harp Fest apostou por producións orixinais que colleitaron unha gran resposta por parte do público. Entre elas salientou o concerto da Banda do Noia Harp Fest xunto a Su Garrido Pombo, un formato cunha ducia de arpas e arranxos de Rodrigo Romaní que funcionou moi ben para levar a canción de autor galega a un novo terreo. Do mesmo xeito, tamén destacou especialmente a colaboración entre Beatriz Martínez e a DJ Acacia Ojea, unha aposta que soubo mesturar a música electrónica e a arpa de levas con criterio propio, fuxindo de fórmulas comerciais xa habituais na escena contemporánea.

Beatriz Martínez e Acadia Ojea durante o seu concerto

No apartado musical, a dirección sitúa tamén entre o máis destacado desta edición a estrea absoluta de Alén do azul (peza gañadora do Premio Portus Apostoli, composta polo coruñés Teo Montero Rey) a cargo da Real Filharmonía de Galicia e do solista José Antonio Domené na xornada inaugural. Uns resultados que, segundo a organización, consolidan a evolución dun festival único no noroeste peninsular que soubo conxugar, un ano máis, o talento novo, a investigación patrimonial e a vangarda.

A Real Filharmonía de Galicia e José Antonio Domené estrearon a obra gañadora do Portus Apostoli


Coa 13ª edición xa concluída, a organización lembra que se mantén aberto o prazo de inscrición para participar na quinta edición do Premio Internacional de Composición “Portus Apostoli” para arpa solista e orquestra de corda. Este certame, nado no 2022, ten como obxectivo estimular a creación de novo repertorio e está dirixido a compositores e compositoras de calquera nacionalidade sen límite de idade. As persoas interesadas teñen ata o vindeiro 23 de decembro para enviar as súas partituras. As bases están dispoñíbeis na web www.noiaharpfest.gal.

A Banda do Noia Harp Fest ofreceu un concerto inédito coa cantautora galega Su Garrido Pombo


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrou do 29 de xullo ao 1 de agosto, contou co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboraron a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.

Outros artigos

Ribeira organiza unha charla sobre compostaxe doméstica e comunitaria

O Concello de Ribeira organiza a charla Compostaxe doméstica e comunitaria, unha actividade que busca achegar á veciñanza as claves para transformar osresiduos orgánicos en compost e darlles unha segunda vida. A cita será o mércores 21 de outubro, ás 19:30 horas, no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.