
Xusto despois de que o sol se deixara ver de novo no ceo chegamos á casa e, un chisco antes de preparar a cea —énos este un particular luscofusco caseiro ben agardable, pois a luz azul que entra do patio fai máis acolledora a cociña, a casa permanece nese silencio previo ao ruído dos pratos e as árbores que moven as súas copas diante do ventanal xa van sinalando o roteiro do sol— recibín no móbil un vídeo dun grupo de seareiros solares, fascinados polo arbitrio divino dese movemento lunar, berrando e excitándose polo eclipse.
Daquela había xa varias semanas que os medios de comunicación decidiran facer do fenómeno a noticia simpática do ano. Entre tanto asunto serio, supoño que sempre vén ben unha pequena dose de maxia, pois adereza a actualidade como o sal fai coa comida e, por se fose pouco, tamén coincide coas vacacións do persoal e coa inevitable fascinación dos becarios por atoparen a historia amable que todos compartirán: “mamá, escribín sobre o eclipse!”.
Mmmm. Paro un momento. Non levo ben este artigo; quizais estou sendo máis cascarrabias da conta. Un coñecido xornalista lugués escribía nun chío en X —esa rede social cos galegos tamén en eclipse: uns marcharon para Bluesky nunha especie de secta arredista; outros seguimos apalpando temas e comentarios por ver se aínda nos atopamos— que protestar polo que fai feliz á xente e serve de escusa para celebrar é “reaccionario”. Pode que teña razón. Procurarei non criticar a celebración das xentes. Sempre é benvida nun tempo algo máis bruto do normal e bastante máis fero do que un pensa mentres prepara a cea. Ao cabo, nós tamén volvemos ledos dun paseo pola cidade vendo como a luz cambiaba de ton. Miña parella e máis eu quedamos fascinados cun sol cuberto coma por un estor, un filtro marabilloso que mesmo levou a algún a tentar quitar unhas lentes de sol inexistentes mentres apuraba a súa caña, máis atento ao Marca ca ao que estaba a suceder enriba das súas cabezas.
Farei un esforzo. Non quero ser reaccionario, pero si me baixou algo o ánimo esa celebración viral e de masas, de home-masa, de paganismo de todo a cen, de conmemoración solar sen fondura. Non todo o pagán é malo, non todo é salsa garum apestosa e decadente, pero si creo que a excitación polo eclipse di moito de como andamos a vivir a maxia e o fascinante a estas alturas do XXI.
Xúntanse dúas cousas. Dunha banda, por fin experimentamos algo compartido que non era a retransmisión dunha catástrofe, dunha pandemia ou dun atentado. Durante uns minutos todos miramos para o mesmo lugar, algo extraordinario nun tempo no que consumimos aquilo que nos excita pechados na nosa casa ou dentro da pequena atmosfera do teléfono móbil. Doutra banda, medran sen descanso santerías, budismos tropicais, esoterismos de franquía e vendedores de crecepelo astral. Desde a crise de 2008 proliferan ofrecéndonos, previo pagamento ou mediante estrafalarios e chamativamente tipográficos carteis pegados nos valados da cidade, unha explicación total do mundo e unha promesa de salvación personalizada. No barrio coruñés de Monte Alto, segundo informaba a prensa, acaba mesmo de abrir un negocio deste tipo, disposto a facer de Rappel un Merlín contemporáneo a cambio duns poucos e máxicos euriños.
Temos necesidade de maxia. Nunha época cada vez máis secularizada, máis allea á mística relixiosa e tradicional (en Galicia, a católica), a ese Grande Misterio, quedamos pampos con fenómenos naturais e cen mil veces explicados coma este, xa ausente do medo e da reverencia que tiñan os antigos, que non sabían moi ben que estaba a acontecer no ceo inexpugnable. Nesa necesidade de maxia hai afloramentos de estupidez, como o do presidente da Xeneralidade de Cataluña, necesitado de foco mediático, cun acto de benvida do eclipse con botón inaugural e todo; que artificio, que alboroto e que cadeliño piloto! Son afloramentos que abrollan ao mesmo tempo ca os da tristura do márketing, da mercadotecnia da beleza, coa súa precariedade de souvenirs e excitación co selo da IA como nova xeradora Mr.Wonderful na súa versión de fenómeno astronómico.
É triste, e será reaccionario, diráme aquel xornalista, ver a fascinación relixiosa ou científica transformarse en referencias magufas, en camisetas horteras, en frases para facer pensar que non foron pensadas seriamente en absoluto. De aí aos berros daqueles barbudos con psicotrópicos no País Vasco supoño que haberá uns cantos pasos, mais hai unha liña firme. Non serei reaccionario, pero si negacionista (neste asunto, polo menos): escusei poñer ningunha gafa; cando me picou a curiosidade do home-masa xa non quedaban á venda ningunha.
Para o seguinte eclipse, estarán á venda a ben seguro tamén no negocio de santería.



