
A Deputación da Coruña organizará o vindeiro 12 de agosto catro concertos gratuítos coincidindo coa eclipse solar total de sol que será visíbel desde distintos puntos da provincia. Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura e Susana Seivane protagonizarán “unha programación especial pensada para acompañar un fenómeno astronómico que Galicia non vivía desde hai máis dun século”, en palabras da Deputación, que lembra que a eclipse producirase durante as últimas horas da tarde e ofrecerá “unha oportunidade única para contemplar un espectáculo natural que non se rexistraba na nosa comunidade desde 1912 e que non volverá repetirse ata o ano 2180”.
Con motivo desta data histórica, a Deputación levará a música galega a catro espazos emblemáticos da provincia. Luar na Lubre actuará na praia da Frouxeira, en Valdoviño; Milladoiro ofrecerá o seu concerto na Alameda de Esteiro, en Muros; Treixadura actuará na contorna do lago das Pontes; e Susana Seivane pechará a programación no paseo da Calafigueira, xunto á lonxa de Fisterra.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “é unha oportunidade histórica para vivir en compañía de familia e amigos un fenómeno que non volverá repetirse en Galicia durante máis de 150 anos. Queremos que a cidadanía poida gozar desta xornada extraordinaria en espazos únicos da nosa provincia e acompañada pola música dalgúns dos artistas e formacións máis representativos da cultura galega”, afirmou.
Os concertos terán lugar a partir das 21.30 h., tras o remate da observación do eclipse e coincidirán co solpor.
A proposta pretende “converter a provincia nun gran escenario ao aire libre para vivir colectivamente un acontecemento extraordinario, unindo cultura e divulgación ambiental e científica arredor dunha cita que atraerá a milleiros de persoas”.
Ao mesmo tempo, a iniciativa busca contribuír a “impulsar o atractivo turístico dos municipios participantes e a dinamizar a actividade económica local, poñendo en valor algúns dos espazos naturais representativos da costa e do interior da provincia”.
A programación, que comezou antes do verán con xornadas informativas e reparto de lentes homologadas e recomendacións para ver o eclipse con seguridade nos centros escolares da provincia, incluirá tamén este 12 de agosto accións divulgativas sobre a eclipse e recomendacións para observar o fenómeno con seguridade, así como información sobre a importancia de preservar a calidade do ceo nocturno.
Todos estes recursos (recomendacións, axenda de actividades, a información da campaña) pódense consultar na web específica habilitada pola Deputación.
Con esta iniciativa, a Deputación ofrece á cidadanía “unha oportunidade única para vivir un acontecemento histórico acompañado dalgunhas das voces e sons máis representativos da música tradicional galega, convertendo a eclipse nunha experiencia cultural compartida”.



