“Sinais”. Lois Alcayde Dans

06 Xullo 2026

O outro día, nun xantar familiar, un dos compadres que estaba connosco diante dunhas excelentes viandas fixo un comentario que me chamou a atención, pois, como saben, os reloxos da vida non adoitan recollerse en números exactos, senón a través de fincas sen muros, ventás entreabertas e unha peculiar relación coas horas de comer e saír o sol. O tema en cuestión foi que un dos reloxos internos do seu quefacer cotián non andaba ben, pois sinalou o motivo no peteirar dos paxaros nas uvas da súa finca, coas que fai viño e das que é gardián.

Aquela imaxe de terror clásico inquedoume moito, pois na miña cabeza, algo queimada polo sol destes días, imaxinei os paxaros zumegando sedentos nas parras, tan desexadas no interior do país para facer de sombreiro verde do astro solar. Porén, non foron tampouco estes paxaros apurados aqueles paxaros de Ulises, os reiseñores da Hélade que, segundo recolle a tradición dos tracios, eran os que mellor cantaban na tumba de Orfeo. O apuntamento que no xantar fixo este familiar sinalaba os paxariños peneirando co seu voo famento unha certeira outra tumba: a dunha suba de temperaturas que xa consome os froitiños dos camiños, as moreiras e árbores froiteiras depredadas polos macrocultivos invasores. Os paxaros, descoñezo se reiseñores, paporroibos ou aves fuxidas da propia Hélade en paso ao mundo astral, faltos de azucre e de historias —pois estes días o país no interior semella baleiro, anda a cuberto da agresividade do verán—, xa devoran as uvas e se refuxian nos seus emparrados. As aves, desconcertadas, xa devoran as peras e froitas que antes desprezaban, pois sempre foi a foresta refuxio de manxares moito máis deliciosos para as aves, pero eses manxares pequenos están a morrer e de aí o sinal de alarma.

O escritor Manuel Rivas falou hai ben pouco de algo semellante na carpa-invernadoiro da Festa dos Libros pontevedresa. Manuel é un home de palabras de pan de broa, quentes e para desfrutar en bocados lentos e escoita comunal, e é, por certo, das persoas cos ollos máis semellantes ao mar que coñezo; case me parecen brancos, branquísimos, e penso que debe ser de algo de escuma coruñesa que lle caeu ao nacer tan preto da beira do mar, espeso como os seus cabelos naquela tarde a 36 impresentables graos á sombra. Falou da necesidade de desextinción e percibín nas súas palabras certo cambio de época. Os cambios de época son como eses paporroibos, algo máis urbanitas ca os paxariños dos que lles ando a falar, os sedentos; os paporroibos desaparecen, se se dan conta, das escenas de pouca virtude nas cidades, adoitan gustarlles os nenos, a xente maior e as xentes que procuran nos bancos un lugar onde pensar.

Rivas, que a miña xeración colleu inda nenos nos felices anos 90, foi debullando os soños malferidos das últimas dúas décadas, roubadas demasiadas veces polos sinais de alarma e de incendio dun mundo desequilibrado, con paxaros famentos na Europa queimada e xente famenta nas latitudes infernais da Terra. Rivas, embaixador daquela arcadia verde d’Un millón de vacas, romántico demiurgo da arcadia animal de En salvaxe compaña (un dos seus mellores libros, para quen lles escribe, malia ser un dos máis descoñecidos), é pleno, rotundo e forte como unha arquitectura de Manolo Gallego —madeira de carballo— e nós, ao seu carón, fomos lendo con el as escenas tronzadas onde apartar as derrotas para a humanidade —o alto PIB do ego, o imperial sentimento de conquista e fame devoradora— e recoller as moras que quedan no camiño, quizais á sombra nos paseos entretidos da leiteira de Vermeer, cun cántaro de soliño amable, doutro tempo, así redondo e claroscuro, de grandes contrastes como grandes manifestos protestantes, enriba da cabeza.

Os ruiseñores, aves monárquicas camiño de certezas hoxe cruzan o meu ceo de maneira distinta, levan con eles a presa que se explica pola carestía. Orfeo encantou aos deuses do Hades coa súa música e Rivas o fixo coas súas palabras de rosa, as de Oscar Wilde, que fixera aquel conto tan pavero do reiseñor e aquela flor. No futuro os paxaros, de votar nas eleccións, como pide o escritor coruñés, votarían por poder beber connosco aos pés das fontes públicas e por retrasar a calor ó mes imperial de agosto, antes de que as herbas salvaxes se queimen e antes, moito antes, do murchar precipitado da elegante camelia, nosa rosa de Wilde que convive co toxo coruñento de Rivas.

Os paxaros van á froita prohibida e nós seguimos a sementar as froitas prohibidas da cobiza cabalgada a lombos do medo, e iso, alá xa vén o monstro, pode devorarnos a todos. Temo o lume incauto que devore así os paxariños, as parras e as cousas pequenas que viven das cousas doces e que están a facer o equilibrio do mundo. Os paxariños cantaban na tumba do bo de Orfeo, traizoado polas caldeiras infernais, e temo que, de seguirmos mallando no equilibrio das cousas do mundo, sexamos nós os que cantemos con palabras fermosas á beira dos seus corpiños de beleza morta. E iso, ao revés que Orfeo, non ten nada de romántico.

Lois Alcayde Dans

Outros artigos

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

ESPAÑA, DOS ESTRELLAS Este país es imposible inventarlo. Ni Azcona con sus guiones, ni Berlanga con sus corrosivas estampas de lo cotidiano, ni Picasso con sus trazos fragmentados, ni Dalí con sus deformados dibujos, ni Valle con sus esperpentos, ni Carandell con sus...

+

Martes 21, xornada de sol e lixeiro ascenso das máximas

Xornada con tempo maioritariamente seco, solleiro e de corte estival tanto na capital galega como en todo o litoral sur, aínda que coas habituais brétemas matinais da época. As Rías Baixas: o sol gañará a partida ás brétemas costeiras No litoral atlántico, a xornada...

+

Persoa trasladada logo dun incendio nunha cociña en Rianxo

Unha persoa foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago tras un lume que queimou a campá extractora e os mobles da cociña dun piso na rúa de Xosé María Brea Segade, en Rianxo. Foi a Policía Local a que informou ao 112 Galicia do incendio dez minutos despois das 5...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

Ha terminado el Mundial y uno tiene la sensación de haber asistido a uncampeonato extraordinario pese a quienes lo organizaban. Porque, mientrasmillones de personas seguían con pasión cada partido, la maquinaria del fútbolmundial parecía empeñada en recordarnos que el...

“O pano negro” – Lois Alcayde Dans

“O pano negro” – Lois Alcayde Dans

Supoño que, como lle ocorre a moita xente, cando abro o meu álbum familiar máis vello, as fotos en branco e negro teñen de paisaxe tanto o campo como a cidade. Ambos aparecen coa normalidade do mesmo paso do tempo. Nas imaxes, o escenario de fondo faise difícil de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.