Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

22 Setembro 2026

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC

Comeza o outono. Foto: Santi Alvite

Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora marca o instante no que o Sol no seu movemento aparente na bóveda celeste sobre a eclíptica está no punto Libra, pasando do hemisferio orte ao sur. Ao igual que sucede no equinoccio de primavera, son datas nas que a duración do día e a noite son teoricamente semellantes. Porén, debido ao efecto do crepúsculo, a  iluminación da atmosfera antes do amencer e logo do solpor fai que haxa máis luz que escuridade, segundo informan dende o Observatorio Astronómico da USC ‘Ramón María Aller’ (OARMA).

En outono haberá catro choivas de estrelas: as dracónidas e oriónidas de outubro, as leónidas de novembro e as xemínidas de decembro, esta última a máis activa de todas. E haberá tamén ocasión de ver a simple vista o planeta Saturno durante toda a noite, e sobre o 12 de outubro Mercurio estará en condicións ideais de ser contemplado no crepúsculo vespertino. Nesta estación produciranse así mesmo algunhas conxuncións interesantes coma a do 5 de outubro de Marte coa Lúa e a do día seguinte de Xúpiter. Ademais, en novembro estarán Marte, Xúpiter e a estrela Regulus moi preto no ceo coa Lúa, tanto os días 2 e 3 coma o 30.

O outono, a terceira estación en duración, vai estenderse este ano ata o 21 de decembro ás 21:50 horas.

Un verán de récord

Remata así un verán seco e sobre todo moi caloroso na contorna de Compostela, segundo informa o OARMA. Ata o de agora, o récord dun verán de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos o tiña o de 1990 con 27, pero este ano esa cifra ascendeu a 32 (tres días en xuño, dez en xullo, nove en agosto e dez de setembro).

A temperatura máxima deste verán acadouse o 5 de xullo con 38º1, seguido do día anterior con 37º5 e do 5 de setembro con 37º1.  Iso si, os 40º3 rexistrados o 20 de xullo de 1990 segue a ser a temperatura máis elevada nas últimas décadas.

Pola contra, a máxima non pasou dos 16º1 o 27 de agosto e chegou aos 18º8 en tres ocasións: 26 e 29 de agosto e 8 de setembro.

En canto ás temperaturas mínimas, a absoluta tivo lugar o 9 de setembro con 11º6, sendo as noites máis cálidas as do 23 de xuño (21º0), 14 de agosto (20º6), e 4 de xullo(20º2).

A chuvia recollida no estío ascendeu ata os 120,7 litros/m2 debido ao último terzo de agosto. Por meses, os datos son: 22,7 l/m2 nos últimos días de xuño, 16,4 l/m2 en xullo, 68,7 l/m2 en agosto e 12,9 no que levamos de setembro. Disto, conclúe o persoal do OARMA que a seca severa iniciada o 19 de febreiro continúa. “Neste últimos sete meses so se recolleron  251, 7 litros/m2 no pluviómetro do OARMA, aproximadamente unha cuarta parte do normal, pero tamén é certo que no mesmo período do ano 1990 chovera aínda menos: 217,3 l/m2”, explican.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.