
Comecei ler o outro día un moi ben contado ensaio escrito polo xornalista e pensador Julio Llorente. Trátase dun autor ó que xa coñecera a través das pantallas cando recunquei no seu espazo d´ “A Taberna Ilustrada”, en ViOne Media, un dos poucos debates accesibles para todos nos que se escoita falar de pensamento en bo ton, palabras medidas e un resaibo alimenticio de letras e partillar; un algo moi hispano e, abofé, algo escaso nos tempos de abundancia mediática un chisco estúpida mesmo para os admiradores, entre os que me inclúo, de certas doses de frivolidade. Ó caso, Llorente vén de sacar El sentido del campo (Deusto), un escrito que toma a contemplación como pretexto para despregar unha cosmovisión amable sen ser simple, humana sen ser materialista. É complicado, quizais inútil, facer escolástica construtiva hoxe. Debemos ser, entón, esforzados e gardar a fe, pois o Sol segue saíndo e os ánimos de traballar a terra, eixo central do seu escrito, son forzas recondutoras a aquilo non tanto do beatus ille senón do locus amoenus, tan necesario como xardín ou horta de traballo da alma. Por certo, e xa de paso: non lles son moi romántico, pero si creo na maridaxe inesperada de lecturas e experiencias. O libro de Llorente remateino tendo, entrementres, o aniversario dunha benquerida amizade, cuxa casa estival anda pousada no medio de Galicia, na cunquiña refrescante da Barcia, co seu regato ó pé do Pazo de Oca, a súa propiedade compartida, a ponte de uso mixto e o Camiño Real ós pés do portón vello da casa. Todo isto, prométolles, terá un sentido e unha explicación ó final deste divagar.
Retomando o libro en cuestión: é un necesario escrito á beleza, a favor da vida e os seus froitos cando estes veñen do ben e da Terra. Tamén é unha apoloxía da dureza xenesíaca para extraer, os frutos, coas mans, sacalos do chan e facer con eles o deseño amical da nosa mesa de benvida, familia e compaña, do noso consumo de vivir para comer e demais prosaísmos mediterráneos. Llorente fala do campo, de quen o traballa e dos froitos deste nas bocas dos que desfrutamos o traballado. Somos nós moitas veces urbanitas (malia non querer admitilo) gozosos da cousa case divina da denominación de orixe —ese tamiz burocrático e tan cobizado na comunicación tecnocrática dos gobernos— xa esquecidos de toda a malla agrícola que non só non é un caixón desastre de vicios e opresións (a esquerda política galega contemporánea leva dende 1978 sen entender niente disto), senón que pode ser un prisma que explica moito, moitísimo, da nosa forma de ser. Non lles falo da caricatura balbina, das vellas de negro pano ou do dramón toxicolóxico do serial de televisión de xeografía narco ou, se vai ó pasado, doncelas que van servir, fálolles de algo fermoso porque nos reconcilia cun modo de vida respectuoso co noso corpo, contorna e modelo produtivo.
Falarmos de campo, aquí, arredados do manido “rural”, é falarmos de chan, así de sinxelo. As liñas que se entrecruzan nel —o limes da mente que tan marabilloso é ver cravado na terra, a benzoada propiedade privada— son as lóxicas espirituais que se ven na forma de cultivo nas ortofotos, nos voos dos americanos nos 50, tamén cando contemplamos hoxe as eiras mal sinaladas ou as profesionais e mecanizadas explotacións agrícolas que explican a lóxica do chan. O seu poder, o do factor agrícola, é hoxe tamén de lóxica industrial. Hai en Galicia unha certa contestación positiva e alternativa fronte o que critica Llorente como modelo capitalista de granxas. Aquí en Galicia temos músculo do sector primario modernísimo (convídolles a ir a unha feira de tractores, estimar prezos e verán o luxo do investimento para recoller os froitos da terra, ou ir a unha leiteira, empresa avícola ou produtora de carne) e o sacro contacto coa terra segue a ser esencial na vida que se coida e nos bens vexetais que dela se recollen, sexa de xeito autosuficiente ou, caso galego, con avezadas máquinas ó servizo da calidade do alimento final. O campo non é o que era —grazas a Deus!— mais non penso que a tese algo romántica en exceso de Llorente sexa un brinde inútil ó sol. É como a poesía, o acicate que nos mantén conectados cun algo que vai máis alá de nós e xa por iso merece toda a alegría que lle poidamos dar ó intelixente ensaio.
O autor describe de xeito engaiolante a necesidade intemporal do tacto, do contacto co vital e o transcendente a través dos sentidos. Aquel “manoseo” do que escribe é o manoseo visual e sensorial do que, noutro ensaio conservador recuberto de humanística tradicional e experiencial, fala Junichiro Tanizaki con Eloxio das sombras. Este libro, cando falo de política, sempre o coloco como un dos mellores ensaios conservadores: elude o materialismo heroico para falar do materialismo das cousas de comer, os usos e costumes da vida cotiá e as cadencias, os matices, vaia, todo o que se escapa das regras sempre cartesianas e exactas da planificación moderna. Tanizaki no seu, e Llorente no que lle toca, realizan o mesmo xiro: tocan o vertebral do pensamento que estima o ser humano non como unha realización dunha ideoloxía senón, di Llorente, como fai un agricultor: acompañando un proceso, “un movemento, unha transformación. [O agricultor] non se atopa cun material, senón cun dinamismo. Máis que dar forma a unha materia, a súa tarefa consiste en dar plenitude a unha forma”. Mesmo mecanizada, aínda que estea mediada polos necesarios artefactos de manexo da produción para cada vez máis xente (é preciso se queremos que a beleza da terra sexa tamén o da felicidade dos estómagos, o contrario é miserento e erradamente franciscano) o ollar do que coñece a raza que estabula e os recunchos dos campos da súa propiedade e as peculiaridades da xente que os traballa é particular. É e será o ollar de alguén que obre en consecuencia co mundo e o ecosistema que lle achega riqueza. É por iso que na explotación alimentaria entra en xogo a idea de virtude, de equilibro, de coidado do dos demais xunto coa mera lóxica do beneficio. É un xeito honroso de mercado, no que si, sempre existe liberdade para obrar mal, pero hai un sistema que en forma de malla cultural e social impele á virtude e non ó vicio. En román paladino, aquí en Galicia sabemos de coñecermos de que casa somos cadaquén e vernos decote as caras, o trato ós animais e temos ese gosto por saber en que prado paceu a carne que comemos, xa que gozamos falar dela entre bocado e bocado. Non poderiamos vivir nunha sociedade tan milagrosamente dependente todos de todos sen esa avaliación social perenne que explica as mellores cousas do mercado cando este ocorre a escalas locais e civilizadas.
O que representa o chan, en Galicia soborda o sermos “de campo” ou “de cidade” para entendermos, agora si, como persoas que o pisan, reprodúcense e logo morren por riba del. A maior modernidade e espírito de emprendemento dos galegos, trazable a través da historia, é, sosteño, posible de explicar grazas a este xeito tan noso de entender a propiedade: pequena, compartida, difuminada, borrosa. É máis dependente do estado anímico do conxunto que da única iniciativa dun, imposible no cruzamento de camiños, leiras, vías de paso e pontes compartidas.
Llorente, si, pon exemplos do campo español, mais botei en falta exemplos da terra galega que lles acabo de compartir. É a terra que hoxe é capaz de achegar relatos modernos elaborados con intelixencias artificiais e, se teñen un éxito dirixido ó ben común, con escaseza ou falta completa das estupideces naturais que se apoian na IA como antes se apoiaban nos libelos feridores e sen rostro, no mal sen rostro do que falaba o desaparecido dramaturgo Manuel Lourenzo. De aí a nosa marabilla como galegos porque si, o ensaio recréase na devesa estremeña, a estepa castelá que cantara Machado e no campo madrileño que deu explicación a San Isidro e o reclamo da terra no medio dos edificios de vinte alturas. Porén, no verde noroeste, neste vello Reino de Galicia, hai unha forza telúrica que non sempre é ollada con atención dende as latitudes centrais, moitas das veces algo teimudas en mirar este reino máis como arcadia vacacional funcionarial ca en lugar de traballo, modernidade tecnolóxica e benestar das súas xentes. Para ver algo máis dese espírito (coidado, vén maridaxe explosiva) poden ler o libro de Antón Baamonde, Agora non é antes (Editorial Galaxia). Pode ser un título antitético ó que lles estou contando… pero son galego, que é a miña forma de non ser científico, cabalgar as contradicións, ser un chisco reaccionario de máis e tamén ser un nostálxico dos camiños recubertos de problemas.
Calquera que habite ou teña algún vencello co campo galego, cousa inevitable, pois o arquitecto Fernández Albalat xa falaba da Cidade das Rías (e nós poderiamos falar do hobbiton nacional que é Galicia) comprobará que a nosa xeografía demarca ás persoas e o ceo por riba delas dialoga con elas para dar resultado a un cruzamento caótico e ordenado na súa variedade de conflitos, intereses, propiedades solapadas, cruzamentos, camiños cubertos por silvas e outros despexados na man común; propiedades privadas malditas; acordos interxeracionais de non consumir naquel lugar polo mal que tratou a unha boa persoa; ou, todo o contrario, ir darlle favor ou conversa a aquel que ten desgraza e esta atrae a benfacedores, tamén a dixomedíxomes, mais os dous en malos ratos fan compaña.
Ocorre, todo isto, en calquera lugar do mundo pero neste grande e vello reino a orografía cambiante marca o noso carácter. Xa o estimaba Gallego Jorreto, premio nacional de arquitectura, na súa etapa como urbanista do estado cando estudou o asentamento poboacional en Galicia; Vicente Risco vírao antes da guerra cando dicía da Terra como a “segunda placenta” na que tomamos forma. Gallego puido ver como desa maneira de habitar a terra saíu unha psicoloxía barroca que tan ben se leva coa interdependencia, o mantemento dos ritos e a condena do egoísmo características do noso carácter, un xeito fidalgo de traducir e exportar a que coñecen como “hidalguía quijotesca” na meseta. Esa nosa fidalguía popular reconcílianos coas mans, coa fe e co amor á familia sanguínea e á amical. Son culpable, aquí quen lles escribe, de malia ser urbanita reconciliarme secularmente coas mans en débeda ó amor e á cociña, outro dos asuntos que trata Llorente e que eu relaciono co guiso e coa felicidade da muller á que quero.
Se tivese que facer unha coda amable e colaboracionista co espírito deste estupendo libro que nos deixa Julio Llorente sería nesta orografía mesta que ten cousas “da casa”, que segue a ser un xeito de dicir cousas da terra pero sen invocar o prosaico mundo do BOE ou do Diario Oficial de Galicia. Un dos símbolos que me parecen máis rupturistas co topicazo inxusto do campo atrasado en Galicia é o modelo que descubrín o outro día no aniversario do bo amigo do que lles falaba, aló polas saias dos terreos do pazo de Oca. Este é propiedade duns Grandes de España, os duques de Medinaceli. Díxenlles que o elo que quedaba ó comezo desta historia tiña o seu significado e equí vai. Aí, na cunquiña da Barcia, a familia que hoxe señorea de xeito contemporáneo estas terras é mantedora do lugar, cun carteo ben curioso incluso cos veciños que, escopeta e bombona de butano mediante, quebrantan o descanso estival e a paisaxe cos tiros de escopeta conectada a esa bombona (cosas veredes, amigo Sancho) para espantar co seu ruído o multiplicado xabaril. Máis tamén señorean os Medinaceli de xeito contributivo á comunidade mantendo a limpeza do “dominio de fóra” e o acceso público ó de “dentro”, aquel do que Ramón Otero Pedrayo dicía que semellaba un “xardín cardenalicio”, por iso do hortus conclusus do Renacemento e a simbiose das arbores froitais cos nacementos vexetais a ras de chan, toda a beleza compositiva e divina que un veciño da zona, aló polo século XVIII, o afamado escultor Gambino, levou ás 35 estatuas de santos e santas tan ben feitiñas para a capela principal do pazo. Nese xeito galego de entender a propiedade e o foro, inda se mantén o deber da familia que si, señorea, ó abrir e ceder a capela palacega para os bautizos, comuñóns e vodas da veciñanza, así como de facer unha vez ó ano unha cerimonia cos veciños nas que si, necesario: tamén se vén as caras.
O estradense Pazo de Oca ten para nós non só o símbolo dun campo galego froito de riqueza e afastado dos lastres románticos do atraso, onde a beleza barroca da pedra e a beleza renacentista da horta fan palidecer ós mercaderes do agravio e a ofensa tan afincados na cultura galega á contra; ten, tamén, unha inscrición que é un manifesto político brillante: nun dos seus muros, nunha pedra saínte que aparece colocada en moitas do agro galego aparece, neste caso, unha palabra e unha data: “Prosiga 1746”. É un chamado interxeracional a isto de seguir a obra, a continuar aquilo que fixeron moitos antes ca nós e que hoxe están mortos, é aquela democracia da que tamén fachenda Llorente no seu libro, a democracia aberta e ampla que existe cando recolle as vontades dos que xa non están. Edmund Burke, pai do conservadorismo anglo, falaba diso mesmo, o bo goberno que inclúe o servizo ós que están, pero tamén ós que estiveron e os que están por vir, o “goberno dos mortos” caricaturizado polo materialismo heroico que veu despois. “Prosiga 1746” indica que as tarefas da persoa, como os froitos do campo e a súa semente, o seu sementar, esa benzón da Terra, son unha das débedas coa virtude. Mediante o coidado e o compartir cristián, mediante a boa obra, un sector primario moderno, alimentario e vizoso refrea o maligno ius abutendi (o abuso, cousa mala no corpo e nos demais) da tríade clásica a que se suman as benfeitoras ius fruendi e ius utendi.
Lois Alcayde Dans.



