
Algo estamos a facer mal. Atópome cun mozo pedindo unha moeda na cidade. Era para poder comerse un bocadillo para cear e pasar a noite nunha hospedaxe. Cun pouco de sorte conseguirá o diñeiro suficiente, pola contra pasará a noite no caixeiro da entidade financeira, como case todas as noites.
Este mozo non toma drogas, non rouba nin é delincuente. Non percibe a RISGA nin o IMV, nin ningunha outra prestación ou axuda económica. Quere traballo e realiza unha procura activa de emprego pero ninguén o chama para contratalo, nin empresa privada nin entidade pública. Por se fose pouca a desgraza, a súa familia non lle quere prestar axuda algunha. Pregúntolle por ir durmir a algún albergue da cidade e contéstame que non lle permiten estar máis de sete días e na cociña económica cóbranlle un euro, que ás veces nin ten nos seus petos.
Que nos pasa que non somos capaces de defender nin de protexer os Dereitos Fundamentais das persoas?. É evidente que as persoas terían que ser as primeiras beneficiarias de calquera toma de decisións ou das liñas básicas de toda acción política dos nosos gobernantes. As persoas con dereitos debería ser algo normal e básico en calquera país do noso planeta, non só legalmente senón tamén na realidade para dar cumprimento á Declaración Universal de Dereitos Humanos.



