Este anuncio, aparecido en Santiago ás portas do comezo oficial do verao, procurei interpretalo xustamente desde o primeiro momento. Certo que o título de “Cacharela feminista do 23 X” fíxome recapacitar xa desde o comezo da reflexión, e pensar que quizais se tratara da tradicional festa da véspera de San Xoán, mantendo o dereito de entrada á praza soamente para as donas.
Despois de matinar un pouco sobre o aparente sentido do anuncio, que vin nunha sucesión de copias en lugares nos que se prohibía a colocación de carteis, coidei que mais ben estarían tamén admitidos á “Cacharela” algúns homes. Movíame a pensar dese xeito o modo de ser das mulleres, sempre acolledoras e amigas de formar un grupo agradable, entre elas e algúns mozos: non podían as cacharelas de San Xoán estar desprovistas de representantes do xénero masculino, de cara á diversión.
Mirei daquela quen facía a convocatoria, e reparei en que se trataba do grupo que intentaba representar a unha Galicia diferente, denominada “Galiza nova. Asemblea Nacional de Mulleres”. Daquela, pensei noutro tipo de mulleres que para nosoutros, os xa entrados en anos, resultan pouco coñecidas, e que intentan darlle o seu propio colorido á cea consistente mais que nada nas tradicionais sardiñas asadas, propias da véspera de San Xoán.
Indo mais adiante, cheguei á que semellaba a clarificación do contido da convocatoria. Aínda que dubidaba, coidei que podería ser un xantar feminista, do que se excluían aos “varóns machistas”, que poderían coincidir cos considerados fascistas.
Certo que había algo que aínda non me encaixaba, e era o lugar onde se debía ter a festa. Indicábase que sería na “Praza da Peixería vella” o cual parecería que mais ben era ese un lugar axeitado para que asistiran os “machistas” e os de ideas fascistas: os que noutros tempos coidaban que era o varón o que debía mandar na casa. Precisamente por iso non me encaixaba que tiveran que ser as femias de Galiza nova as que foran celebrar nese lugar tradicional a súa Asemblea Nacional de Mulleres. Cumpriría mais ben que o fixeran na “Peixería nova”…
Xa, intentando recoller a totalidade do “zume da laranxa”, reparei en que, se a convocatoria era para “queimar”, o obxecto desa queima do “23 X” non podían ser os invitados á celebración, en especial os homes que non adoecen de machismo nin de fascismo. ¿Que podía ser o que se ía queimar nesa Cacharela Feminista...? Non coido que puidera ser outra cousa a que se queimara que as sardiñas machistas e fascistas, que se habían de comer asadas.
Velaí, amigas e amigos o que podedes atopar desde as 8 da noite do 23 X na Praza da Peixería Vella, unha data que os nosos devanceiros consideraban como “a noite de San Xoán” e que os levaba a gozar da sardiñada desa festa, e que mesmo os conducía a chamarlle a todo o mes “O mes de San Xoán”.
O derradeiro acto do programa da Cacharela deixoume abraiado, porque non coido que naquela distribución de actividades encaixara nada de tipo etimolóxico, e aínda menos relixioso. Trátase do vocábulo que segue a DJ. A palabra “Misa” coidaba eu que podía ser un intento de sinalar que era o momento do “Missum”, do envío. Iso encáixame mellor que o anticipar ás 12’30 da noite a Misa ou Celebración Eucarística da solemnidade de San Xoán, o precursor de Xesús de Nazaret.



