O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou este martes 26 de maio o avance das obras de conversión en autovía do corredor Brión-Noia, unha actuación estratéxica para mellorar a conexión entre a área de Santiago e O Barbanza. Trátase dunha zona “pola que circulan 13.000 vehículos diarios e cunha poboación de 160.000 persoas que se incrementa no verán”, lembrou.
Durante a visita ás obras que se están a levar a cabo no primeiro treito, que une Brión e Urdilde (Rois), o titular do Executivo galego, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou que “a previsión do Goberno autonómico é que esta nova vía poida abrirse e entrar en funcionamento durante o 2027”.

Lembrou que nesta primeira fase, que supón desdobrar os primeiros 4,9 km desta vía de altas prestacións e un investimento de 11,2 millóns de euros, xa se executou arredor do 10% do total do proxecto, con traballos centrados fundamentalmente en labores previos como a roza, drenaxes ou movementos de terras. A nova infraestrutura será similar á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación.

Rueda salientou que, máis alá das cifras técnicas, “o verdadeiramente importante desta obra é o beneficio directo que supón para o día a día das persoas e para a mellora da súa calidade de vida”. E engadiu: “As infraestruturas son para mellorar a vida das persoas, non para complicala”.
Planificación e aposta polas vías de altas prestacións
O titular do Goberno galego enmarcou este proxecto na folla de ruta da Xunta en materia de vertebración do territorio, á que este ano se destinan un total de 263 millóns de euros para infraestruturas viarias.
Esta continuidade nos investimentos permitiu que Galicia supere xa os 500 quilómetros de rede propia de vías de altas prestacións (VAP), logrando que “oito de cada dez galegos, vivan onde vivan, teñan unha vía de alta capacidade a menos de 10 ou 15 quilómetros do seu lugar de residencia”.

Rueda repasou outras actuacións de relevancia que o Goberno autonómico ten actualmente en marcha ou en previsión ao longo da xeografía galega, como as recentemente adxudicadas obras de prolongación da autovía da Costa da Morte entre Santa Irena (Vimianzo) e a AC-432 (36 M€); o último treito da autovía Lugo-Sarria, entre Nadela e A Pobra de San Xiao, adxudicado hai uns días por 37,7 M€ ou o segundo tramo da autovía Santiago- A Estrada, en execución.


