
Este xoves 21 de maio vaise proxectar en Rianxo o filme documental Daughter of the Sea coa presenza da cineasta Nicole Gormley. Será unha actividade enmarcada na Mostra Mares da Fin do Mundo e na celebración do Día Marítimo Europeo. O filme proxectarase ás 20.00 horas no Pazo do Martelo.
Nicole Gormley, directora e fotógrafa vinculada a producións para Netflix, PBS e National Geographic, participará nesta actividade descentralizada da IX Mostra Mares da Fin do Mundo 2026.
Daughter of the Sea (2023) é unha curtametraxe documental co-dirixida por Nicole Gormley e Nancy Kwon, que conta co patrocinio de Patagonia Films. A obra narra unha emotiva viaxe de reconexión coa natureza, a herdanza cultural e a saúde mental a través da tradición coreana.
En concreto, o documental segue a historia real de Jaeyoun Kim, unha muller nova que cae nunha profunda depresión despois de mudarse lonxe da súa casa natal na remota illa de Marado, en Corea do Sur. Para atopar a paz e recuperar o seu centro, Jaeyoun decide regresar ás súas raíces.
Máis actividades con Nicole Gormley
A visita de Nicole Gormley celébrase entre os días 21 e 24 de maio, xornadas nas que terá oportunidade de coñecer polo miúdo a realidade do mundo do mar no noso territorio. O programa conta con diversas
actividades, algunhas das cales serán abertas ao público en xeral. A súa estadía en Galicia comezará o xoves, día 21, cunha visita guiada para coñecer a historia e o pasado cultural da vila mariñeira de Rianxo, coa colaboración do Concello.
A continuación, en colaboración coa Confraría Virxe do Carmen de Rianxo, coñecerá polo miúdo a sede da Confraría e da Lonxa de Rianxo, así como o porto e a frota de bateeiros do concello. Ás 20:00, no Pazo do Martelo e aberto ao público, terá lugar a proxección da súa película Daughter of the Sea, gañadora do Premio do Público na VI edición de MDFDM, celebrada no ano 2023 no Concello de Outes. Contarase coa presenza da propia Nicole, quen presentará a película e participará posteriormente nun coloquio co público asistente.
O programa continuará o venres 22 de maio pola mañá cunha visita na que poderá coñecer o medio mariño da pesca e da acuicultura no Concello de Rianxo, da man de persoal da Confraría Virxe do Carme de Rianxo. Xa pola tarde, visitará a sede dos Asteleiros Catoira, onde Ramón Collazo (propietario de Asteleiros Catoira e presidente de AGALCARI) achegará luz sobre a importancia histórica da carpintaría de ribeira e os retos aos que esta ancestral profesión artesanal se enfronta na actualidade.
O sábado 23, en colaboración coa Asociación Galega de Mulleres do Mar “Mulleres Salgadas”, Nicole Gormley coñecerá a importancia do cultivo do mexillón e a situación actual do sector. Pola tarde, visitará na Illa de Arousa o Museo da Conserva e posteriormente terá lugar unha nova proxección de Daughter of the Sea, todo iso coa colaboración da Asociación Cineclube Entrecortiñas. A proxección será ás 19:00 h e estará aberta ao público.
O domingo 24, último día da súa estadía en Galicia, desprazarase ata a Costa da Morte para facer unha navegación guiada polo entorno das Illas Lobeiras e a antiga factoría baleeira de Caneliñas. O mariñeiro, poeta, artista e divulgador Xosé Iglesias terá oportunidade de interpretar a paisaxe e explicarlle a importancia do pasado histórico da industria baleeira na zona.



