A Escola Náutico Pesqueira de Ribeira acolleu este xoves 7 de maio a xornada xornada técnica do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, un proxecto promovido polos oito GALP galegos en colaboración cun homólogo do País Vasco. A cita reuniu a representantes da administración, organizacións pesqueiras, centros educativos e profesionais do sector, nun encontro que buscou ir máis alá do diagnóstico e centrarse en propostas concretas destinadas a garantir a remuda xeracional no mar, un dos grandes desafíos do sector, segundo confirmou a organización.
Na inauguración contouse (entre outras/os) coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, da pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e do patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez. A conselleira puxo en valor as distintas liñas de axuda da Xunta destinadas a favorecer a remuda xeracional no sector e subliñou que o departamento que dirixe destina este ano preto de 12,4 millóns de euros ao programa de ensinanzas pesqueiras, o que supón un incremento do 9,5 % respecto ao exercicio anterior. “Este orzamento”, dixo, “permite consolidar unha rede autonómica de grandes centros de vangarda formado por tres escolas náutico-pesqueiras situadas estratexicamente en Vigo, Ribeira, Ferrol, ao que hai que sumarlle o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), na Illa de Arousa”.
Para facilitar o acceso á formación, Villaverde dixo que se “está a tramitar a nova orde que simplifica a obtención das titulacións que serven de porta de entrada ao mar”. Ademais, destacou como novidade “o impulso dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros para apoiar a formación práctica dos estudantes a bordo dos buques”. Estes fondos, co-financiados polo FEMPA, “están dirixidos a compensar os gastos dos armadores que colaboren acollendo aos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros”, confirmou, ao tempo que salientou o papel fundamental que xogan as confrarías e organizacións de produtores, para as que se destinan este ano 800.000 euros en axudas específicas de formación. Como principal vantaxe, destacou que estas achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, con prazo aberto durante todo o ano, o que permite axilizar a súa tramitación e garantir un acceso máis áxil aos fondos.

O relatorio foi unha das actividades do citado proxecto Relevo Xeracional que, a través de distintas accións, busca dar a coñecer iniciativas vinculadas á Formación Profesional Dual para facer fronte ao envellecemento das tripulacións e a falta de man de obra cualificada. En paralelo, contribúe a dignificar e valorizar as profesións do mar.
Está dirixido ao alumnado de FP, futuros estudantes do sector náutico-pesqueiro, así como a armadores, centros educativos, entidades formadoras e administracións públicas vinculadas á actividade pesqueira.
Para o seu desenvolvemento, Mar destina 145.520 euros, financiados nun 70 % co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Como dixemos, a iniciativa está impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración co GALP do País Vasco e financiado pola Consellería do Mar e o FEMPA.
Nace cun obxectivo claro: ofrecer ferramentas para asegurar a continuidade dun sector estratéxico na nosa comunidade.
A xornada deste xoves en Ribeira puxo o foco na necesidade de atraer mocidade ao sector e en como facelo de maneira efectiva. Entre as claves do evento figuraron as seguintes: o impulso da Formación Profesional Dual como vía real de acceso ao emprego no mar; a análise de experiencias de éxito en Galicia, no resto do Estado e en Europa; e a presentación de casos reais de empresas e profesionais que xa están protagonizando o relevo xeracional.
O encontro contou ademais coa participación de figuras clave do ámbito institucional e pesqueiro, así como responsábeis de centros de formación marítimo-pesqueira e entidades de referencia.
Un dos momentos destacados foi a proxección de pezas audiovisuais do proxecto, que recollen testemuños directos e experiencias reais vinculadas ao relevo xeracional, contribuíndo a visibilizar oportunidades e romper estereotipos sobre o traballo no mar.



