
O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto conmemorativo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que nesta ocasión pon no sistema prostitucional para cuestionar a mercantilización dos corpos das mulleres e avanzar cara a unha sociedade libre de violencias machistas. Enmarcada na campaña anual De Fronte, a programación inclúe actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses como materiais, obras de teatro, formación e accións de sensibilización. Así o lembrou a deputada, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa lectura dun texto reivindicativo por parte de diferentes membros da corporación provincial.
“Como cada ano erguemos a voz contra todas as formas de violencia machista” comezou Agra, engadindo que “facémolo porque, malia os avances conseguidos, a desigualdade segue a marcar a vida de millóns de mulleres.” A deputada sinalou que a violencia machista “é unha realidade estrutural que se alimenta das desigualdades de poder, dos estereotipos de xénero e dunha cultura que, de maneiras máis ou menos visíbeis, continúa normalizando o control, a dominación e a cousificación das mulleres. E non podemos resignarnos a convivir con ela”. Así, sinalou que “non deixaremos que os dereitos conquistados sexan cuestionados, nin asumiremos que calquera forma de violencia contra as mulleres é inevitábel”.
Tamén fixo referencia ás cifras: “Este ano 47 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas e tres dos seus fillos canda a nai, unha nena de 12 anos degolada, un neno de 11 morto a machetazos e unha nena de 3 aforcada polo seus pais antes de matar ás súas nais. Isto non é ideoloxía de xénero, é machismo, e o machismo mata”.

Baixo o lema Non son clientes, son agresores e puteros, e están ao teu carón. Míraos de fronte, esta nova edición da campaña institucional do 25 de novembro, De Fronte á violencia de xénero, pon o foco na prostitución e na explotación sexual das mulleres, incidindo especialmente na responsabilidade dos homes que pagan por sexo e na normalización social da demanda: “Vivimos rodeadas de mulleres escravizadas para satisfacer sexualmente a homes que pagan a outros homes para que as sigan mantendo nese mercado de corpos e almas sometidas. Un negocio ilegal que poucas veces remata cos proxenetas na cadea, e que non impón ningunha sanción para os que o usan e sosteñen”.
A capacidade transformadora da educación

A deputada afirmou que “reivindicamos a capacidade transformadora da educación” e, por iso, unha das principais liñas de traballo desta edición é a elaboración de materiais educativos dirixidos tanto á mocidade como ás familias, co propósito de facilitar ferramentas para abordar a explotación sexual e as violencias dixitais desde unha perspectiva crítica e preventiva. Tamén se elaborará unha guía práctica para familias, que ofrecerá orientacións para abordar a educación afectivo-sexual na casa, analizar o impacto da pornografía na adolescencia, traballar o consentimento e actuar ante situacións de violencia dixital. Incluirá, ademais, un repositorio de recursos e información sobre canles de denuncia e protección.
Ademais, a campaña incluíu un circuíto teatral pola provincia durante a semana do 16 ao 22 de novembro coa representación de Sophie non é o meu nome de guerra, da compañía Redrum Teatro, unha peza dirixida por Laura Míguez e recoñecida co Premio Rafael Dieste 2021. A obra aborda a migración forzada e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. As representacións, dirixidas principalmente ao alumnado dos centros de secundaria, foron acompañadas de coloquios coa ONG ACCEM Galicia.
A programación completarase a finais de xaneiro de 2027 cunha xornada formativa provincial centrada no sistema prostitucional e nas súas transformacións actuais. O encontro combinará o rigor académico, a experiencia profesional e o debate institucional, con conferencias e mesas de traballo sobre a demanda masculina, as novas plataformas dixitais, o papel da pornografía e a cultura sexualizada, os modelos xurídicos e de protección e a resposta das institucións e das entidades que traballan sobre o terreo. O obxectivo é contribuír á elaboración de políticas públicas orientadas á prevención das violencias contra as mulleres e á garantía dos seus dereitos. A Deputación dará a coñecer o programa e o formulario de inscrición ao longo do mes de decembro.
A iniciativa, á que están adherida os 93 concellos da provincia, incorpora tamén o envío de material promocional para apoiar as accións locais de sensibilización. Todos os materiais gráficos, audiovisuais e pedagóxicos estarán dispoñibles e actualizaranse progresivamente na web defronte.gal, que centraliza os recursos da campaña.





