
A veciñanza da parroquia de Ribasieira, no termo do Porto do Son, vaise adiantar á festividade do Nadal esta fin de semana cunha cita festeira este sábado 28 de novembro pola tarde, a partir das 15.00 horas, á que están convidados veciñanza e visitantes.
Será, en palabras da organización, “unha tarde para xuntarnos e celebrar”. E, tamén, “para abrir as portas ao Nadal”.
A cita será este sábado na Casa da Cultura de Ribasieira.
Haberá actividades divertidas e creativas como un concurso de xerseis de Nadal e unha sesión musical entre as 17.00 e as 20.00 horas co DJ Tatami.
Na vertente gastronómica haberá unha merenda compartida, con chocolate con churros, filloas e filloas de sangue.
Completa o programa de actividades un bingo navideño.
Organiza a veciñanza de Ribasieira (Comisión de Festas de Ribasieira) en colaboración co Concello do Porto do Son.




