
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á Rede a conferencia Perfiles de Ramón Valle-Inclán, pronunciada por Ramón Otero Pedrayo no Círculo das Artes de Lugo, no marco do IX Curso Universitario de Primavera, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a entidade lucense. A gravación, pronunciada en 1966, ofrece unha aproximación á obra do dramaturgo desde a mirada admirativa dun dos grandes intelectuais galegos do século XX.
A gravación, cunha duración de 1 hora e 15 minutos, permite escoitar o escritor ourensán nunha análise extensa da vida e da obra de Valle-Inclán, na que aborda as influencias literarias que recibe, a evolución da súa produción e os trazos que definen a súa personalidade creativa. A intervención constitúe un testemuño do interese que suscitou o autor arousán entre os intelectuais galegos e, en particular, da profunda consideración que lle merecía a Otero Pedrayo.
O escritor de Trasalba dedicou parte da súa reflexión crítica a interpretar a raíz galega da obra de Valle-Inclán e a súa capacidade para transformar a paisaxe e a realidade do país en materia literaria. En concreto, analiza a forza evocadora das descricións paisaxísticas de obras como Sonata de otoño, Romance de lobos e Flor de santidad.
Otero Pedrayo recoñecía na prosa de Valle-Inclán unha capacidade singular para captar a atmosfera das paisaxes galegas, desde os xardíns dos pazos ata a dureza do inverno e do mar. Para o intelectual ourensán, a obra do dramaturgo revelaba unha profunda conexión coa súa terra natal, perceptíbel tanto nos escenarios como na sensibilidade coa que os representaba.
Segundo informa o CCG, a conferencia que agora se incorpora á Rede “permite coñecer de primeira man como Otero Pedrayo interpretaba a traxectoria dun dos dramaturgos máis relevantes da literatura española contemporánea, sen perder de vista as raíces galegas da súa creación”.




