
O alcalde, José Ramón Romero, e outros membros da corporación municipal do Concello de Boiro participaron este mércores no acto institucional do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres baixo o lema 25N. Un momento en movemento. O acto contou coa lectura dun manifesto colectivo a tres voces de distintas xeracións e experiencias e a actuación da pianista local Elsa Muñiz. A mocidade, a través do alumnado do IES A Cachada; as mulleres maiores, a través das usuarias do Centro de Día de Boiro; e o compromiso colectivo da sociedade a través dunha persoa do departamento de Política Social.

Estas tres voces uníronse hoxe para dar palabra a todas aquelas mulleres que sofren violencia e que, por distintas razóns, non poden facelo. Tres miradas con distintas reflexións, experiencias e reivindicacións que puxeron de manifesto que a loita contra as violencias machistas é unha responsabilidade colectiva e interxeracional.
O acto estivo acompañado pola actuación da pianista Elsa Muñiz, que interpretou tres pezas para piano nunha proposta artística e sensorial na que a música convive con microrelatos. Tres composicións para narrar un proceso de renacemento, valentía e transformación no que o piano se converte nunha voz propia que conta historias, acompaña emocións e convida á reflexión.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, pechou o acto facendo un chamamento á mobilización social, xa que “a violencia contra as mulleres é un problema social que nos afecta a todos e a todas e non podemos normalizar comportamentos que limiten a liberdade das mulleres” e amosando o compromiso do Concello de Boiro “para seguir impulsando políticas en igualade e ofrecer recursos para traballar na educación e a prevención”.





