Ribeira xunta nunha xornada ao sector pesqueiro, ás administración, ás empresas e á mocidade para afrontar o reto da remuda xeracional no mar

05 Maio 2026

O sector pesqueiro galego dá un paso adiante ante un dos seus maiores desafíos: a falta de relevo xeracional. O vindeiro xoves 7 de maio ás 17:00 horas, a Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira será o escenario dunha xornada técnica que busca activar solucións reais para garantir o futuro do mar, asegurando a remuda xeracional.

A cita, enmarcada no proxecto de cooperación Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, reunirá a representantes da administración, organizacións pesqueiras, centros educativos e profesionais do sector, nun encontro que pretende ir máis alá do diagnóstico e centrarse en propostas concretas, segundo confirmou a organización.

Impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración co GALP do País Vasco e financiado pola Consellería do Mar e o FEMPA, o proxecto nace cun obxectivo claro: ofrecer ferramentas para asegurar a continuidade dun sector estratéxico na nosa comunidade.

A xornada porá o foco na necesidade de atraer mocidade ao sector e en como facelo de maneira efectiva. Entre as claves do evento figuran as seguintes: o impulso da Formación Profesional Dual como vía real de acceso ao emprego no mar; a análise de experiencias de éxito en Galicia, no resto do Estado e en Europa; e a presentación de casos reais de empresas e profesionais que xa están protagonizando o relevo xeracional.

O encontro contará ademais coa participación de figuras clave do ámbito institucional e pesqueiro, así como responsables de centros de formación marítimo-pesqueira e entidades de referencia.

Historias reais para cambiar a mirada sobre o sector

Un dos momentos destacados será a proxección de pezas audiovisuais do proxecto, que recollen testemuños directos e experiencias reais vinculadas ao relevo xeracional, contribuíndo a visibilizar oportunidades e romper estereotipos sobre o traballo no mar.

Un punto de encontro para activar o futuro

Respecto do formato adoptado, as entidades organizadoras explican que “máis alá do contido técnico, a xornada está concibida como un espazo para conectar perfís, xerar oportunidades e construír rede, implicando a profesionais, alumnado e cidadanía no futuro do sector”.

O obxectivo é claro, sinalan, e non é outro que “apostar pola acción, situando o relevo xeracional como unha prioridade estratéxica para a sustentabilidade económica e social das zonas costeiras galegas”.

Datos da xornada

  • Data: Xoves, 7 de maio de 2026
  • Hora: 17:00 h
  • Lugar: Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira
  • Acceso: Con inscrición previa

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...