O Salón Teatro de Santiago acolleu este mércores 18 de marzo a presentación da nova gran produción do Centro Dramático Galego: a adaptación de Hamlet de William Shakespeare a cargo do autor e actor galego Tito Asorey, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e do propio Asorey.

Na presentación, que contou coa presenza do director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fíxose saber que estamos ante un espectáculo de gran formato con 16 intérpretes en escena. A estrea será este xoves 19 no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en cartel ata o 3 de maio con funcións de mércores a domingo ás 18,00 h. A través do Bus do Teatro do CDG os concellos de toda Galicia poderán levar ás veciñas e veciños ás funcións (este mesmo mércores informamos neste medio da colaboración do Concello de Rianxo, precisamente).

Volvendo á presentación, nela tamén participaron o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o director da montaxe, Tito Asorey; e mais a meirande parte do elenco artístico, en representación do que interviñeron o actor Alejandro Jato (Hamlet) e a actriz Cristina Andrade (Ofelia). Así mesmo, na presentación deuse conta da nova proposta da compañía pública, que recupera para a escena un dos grandes títulos da dramaturxia de todos os tempos, 20 anos despois da súa última versión en galego, facéndoo, ademais, desde unha lectura contemporánea que procura interpelar directamente o público de hoxe.
A temporada de sete semanas continuadas de representacións estará acompañada dunha serie de actividades complementarias e accións de accesibilidade e mediación que prevén mobilizar preto de 2000 asistentes. Estas iniciativas inclúen unha nova entrega das ImproVersións, visitas para alumnado universitario no marco do programa Faíscas Culturais, así como a reedición do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, a través do que máis de 700 persoas se desprazarán ás funcións desde diferentes puntos de Galicia.
Un clásico universal cos dilemas da nosa época
Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido.
A produción conta cun elenco de 16 actores e actrices, escollido mediante un proceso público de audicións, que conforman Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Alejandro Jato, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta.
O equipo complétase coas realizacións de Carlos Alonso na escenografía, Laura Iturralde na iluminación, Saturna no vestiario, Xavier Bértolo no espazo sonoro, Lorena Calvo en maquillaxe e caracterización, Rut Balbís no movemento escénico e coreografía, Xosé Piñeiro na loita escénica, Melania Cruz na asistencia de texto, Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e Sara Rey na axudantía de dirección.
Máis Shakespeare en actividades complementarias
Complementando os pases de Hamlet, o Centro Dramático Galego impulsa unha serie de actividades paralelas que amplían o diálogo arredor do espectáculo. Así, o programa ImproVersións ofrecerá cinco citas baixo o título A propósito de William, a cargo da compañía Improversados, os domingos 29 de marzo, 5, 12, 19 e 26 de abril. Ademais, os días 25 de marzo e 1 e 8 de abril, o Salón Teatro acollerá sesións dobres sobre a obra de Shakespeare, xa que os pases de Hamlet combinaranse cos de Mala vida e pior morte de Ricardo III, monólogo de Evaristo Calvo co-producido con P.T. Excéntricas.
No marco do labor de mediación co ámbito educativo, Hamlet forma parte tamén do programa Faíscas Culturais da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolvido en colaboración co Centro Dramático Galego desde a estrea en 2023 de Shakespeare en Roma. Baixo o título To be or not to be: Hamlet, esta iniciativa artístico-pedagóxica propón unha aproximación reflexiva ao clásico shakespeariano desde o pensamento crítico e o diálogo creativo. Entre febreiro e abril, agárdase a participación de máis de 400 estudantes de diferentes facultades en accións vinculadas a esta montaxe.
Así, mesmo, con motivo do Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo, levarase a cabo unha acción especial co alumnado de varios centros de ensino secundario.
Entre as accións previstas figura tamén unha nova edición do programa de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que contará con 14 autocares coordinados para facilitar a asistencia de público procedente de 35 municipios, ademais da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e do CIFP Audiovisual de Vigo, cunha previsión de 770 asistentes. A esta iniciativa únese unha segunda modalidade de transporte ao Salón Teatro mediante autobuses propios dos concellos participantes, fórmula que este ano incorpora novas localidades e permitirá sumar aproximadamente outras 270 persoas. No conxunto do programa, 75 concellos chegaron a inscribirse nesta convocatoria, o que confirma a consolidación desta liña de traballo e o interese crecente por facilitar o acceso ao teatro público galego desde diferentes puntos do territorio.



