Agoraphobia presenta o seu novo álbum “Kamikaze” o 20 de febreiro

11 Febreiro 2026

Agoraphobia, a banda de rock de Boiro, anunciou que vai estrear o seu novo disco, Kamikaze, no Exporock o próximo 14 de marzo na Coruña

Tras o impacto de Eyes Never Lie e Fck You Tony, os dous primeiros adiantos que marcaron o inicio dunha nova etapa na carreira de Agoraphobia, chega Kamikaze, un disco “onde as deadlines propias e alleas sucumbiron á experimentacion e á liberdade expresiva”, explican as integrantes do grupo.

Producido por Iago Lorenzo, o novo traballo consolida a mensaxe dunha banda que “aposta pola liberdade creativa, o respecto aos ritmos vitais e unha exploración creativa máis pausada”.

Os adiantos xa publicados serviron como carta de presentación desta etapa, que culminará agora coa saída do álbum completo.

Explican que tras varios anos sen publicar material novo desde 2019, “este disco nace tamén como unha resposta consciente á lóxica da inmediatez e ao consumo rápido que domina a industria musical actual”. Lonxe da obriga de xerar contido constante, engaden, “optamos por crear desde a pausa, o tempo e o coidado, dando prioridade á honestidade artística fronte á urxencia de estar sempre visíbeis e sempre fieis á contundencia sonora”. O resultado é “unha resposta kamikaze” a todos os requirimentos aos que se sentiron sometidas: unha oda á liberdade creativa e persoal.

Tras o seu paso polo Inverfest (Madrid) e o Invernia Fest (Pontevedra), a banda boirense Agoraphobia actuará o 14 de marzo no Exporock da Coruña, con artistas da talla do Drogas, Ciclonautas ou M-Clan.

A banda

Agoraphobia, referentes do indie-rock galego, creouse en Boiro en 2006, no Instituto de Secundaria. En 2014 editaron o seu primeiro EP, Dirty Little Things, gravado nos estudos madrileños Global Music Studio con Carlos Sainz como produtor, logo de gañar o Vodafoneyu Music Talent. En 2015 publicaron o EP Ready to Play, gravado no estudio Nekra da Coruña. En 2017 gañaron o Premio Martín Codax da Música na categoría de mellor banda de rock, grazas en boa medida ao seu traballo daquel ano, Incoming Noise, ao que seguiría dous anos despois outro traballo de notábel éxito de público e crítica: Unaligned. Todos os seus traballos foron publicados polo selo Dotbeat!.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...