A Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, participou, por convite do Concello de Rianxo, na homenaxe institucional a Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, celebrada este sábado 31 de xaneiro no Paseo da Ribeira (a carón do busto do escritor) e no Pazo de Martelo, nun contexto especialmente simbólico, tras ser 2025 o Ano de Castelao, este 2026 está dedicado na Estrada a Virxinia Pereira, compañeira vital, intelectual e política do rianxeiro universal. De feito, segundo fixo saber a asociación, “a coincidencia destas dúas efemérides reforzou a dimensión histórica do acto e a unión entre Rianxo e A Estrada, terras que representan dous piares fundamentais da vida e do legado de Castelao”.

A cerimonia contou co acompañamento musical de Fogo Fatuo e coa presentación do cadro Castelao, da serie Yiban, doado polo artista Fernando Yáñez á Fundación Castelao, que o deixa en depósito ao Concello de Rianxo para a súa exhibición pública. A ofrenda floral foi conducida polo presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, e polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, nun ambiente de profundo respecto e emoción compartida.
Nos discursos destacou a lembranza da relación entre Evaristo Martelo Paumán del Nero, antigo propietario do Pazo de Martelo, e o mozo Castelao. Martelo, descendente de Paio Gómez Chariño, poeta medieval e mariño, e membro de número da Real Academia Galega desde 1921, foi unha figura clave na defensa da lingua galega nun tempo no que non era doado facelo.
Segundo relatou Miguel Anxo Seixas, Castelao asumiu que a lingua galega era un instrumento de dignidade, de creación e de liberdade, un compromiso que no seu inicio tivo a Evaristo Martelo como referente, “xa que Martelo escribiu parte da s a obra literaria en galego nun tempo de fonda adversidade, converténdose así nun modelo silencioso pero decisivo para o Castelao que hoxe coñecemos: o escritor, o debuxante, o político e o
pensador que fixo da lingua un espazo de país”.
Entre as persoas asistentes estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Ernesto Abalde Alonso; o deputado provincial Antonio Leira Piñeiro; así como os alcaldes da Estrada, Gonzalo Louzao; de Padrón, Anxo Rei; e da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vida. Tamén participaron representantes das corporacións municipais de Boiro e Rianxo, reforzando o carácter comarcal e institucional da homenaxe.
Desde a Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao valorouse especialmente o acordo impulsado polos alcaldes da Estrada e de Rianxo para elevar “aos seus respectivos plenos a irmandade entre ambos pobos, formalizada durante o acto; un xesto que simboliza a unión entre a terra natal de Castelao e a terra de Virxinia Pereira, fortalecendo lazos históricos, culturais e afectivos nun ano no que ambas figuras volven ocupar o lugar central que merecen”, valoraron dende a entidade, salientando que “este 2026 é tamén o ano no que se cumpren cen anos de Cousas, unha das obras máis emblemáticas de Castelao, e achégase o centenario do plebiscito de 1936, un dos momentos máis decisivos da historia política de Galicia. Son datas que convidan a revisitar a súa obra, a súa acción política e a súa visión de país. Porque, malia ser unha das figuras máis estudadas da cultura galega, de Castelao queda aínda moito por descubrir: cartas inéditas, relacións intelectuais pouco exploradas, influencias mutuas con artistas e pensadores europeos, e unha lectura contemporánea da súa obra que segue a iluminar debates actuais sobre identidade, democracia e cultura”.
Para a asociación, “a homenaxe celebrada no Pazo de Martelo non foi só un acto de memoria, senón unha chamada a seguir investigando, divulgando e vivindo o legado dun home que anos despois, continúa convocando unidade, respecto e compromiso coa lingua e coa dignidade de Galicia”.
Dende a Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, aproveitaron para reivindicar o seu “compromiso” por seguir traballando para que “a obra, a figura e a biografía de Castelao continúen vivas na nosa vila e entre as nosas veciñas e veciños”.
“Porque”, sinalaron, “lembrar a Castelao non é un exercicio de nostalxia, senón un acto de futuro: unha maneira de fortalecer a nosa identidade, de recoñecer a nosa historia e de construír, colectivamente, unha Galicia máis consciente, máis culta e máis unida. E, ao tempo, non debemos esquecer nin deixar de reivindicar a figura de Virxinia Pereira, compañeira leal, gardadora e precursora da obra do seu marido. Durante 38 anos de matrimonio, Virxinia compartiu con Castelao ledicias e tristuras, a perda do fillo, o exilio, a enfermidade, a dureza da distancia e tamén a esperanza dun país mellor. Sempre nun discreto segundo plano, pero sempre presente, sostendo, protexendo e impulsando o traballo do autor. Sen ela, moito do que hoxe coñecemos e admiramos de Castelao non tería chegado até nós. Por iso, neste ano no que a Estrada lle dedica a Virxinia a homenaxe que merece, e Rianxo continúa celebrando o seu fillo máis universal, reafirmamos a vontade de manter vivas ambas figuras, unidas na vida e unidas tamén na memoria colectiva do noso pobo”.




