A 13ª edición do Noia Harp Fest celebrarase do 29 de xullo ao 1 de agosto

09 Febreiro 2026


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará a súa décimo terceira edición do 29 de xullo ao 1 de agosto deste 2026. O evento cultural regresará este verán ás rúas e recintos singulares da localidade para descubrir ao público novas sonoridades e propostas artísticas chegadas tanto de Galicia como de diferentes países de Europa, África e América.

Segundo explican dende a organización, “Noia Harp Fest é unha cita imprescindíbel no calendario musical do verán galego, pois é a única cita de todo o noroeste peninsular que se dedica, exclusivamente, a fiar a súa programación a través da interpretación musical dun único instrumento: a arpa”.

Cunha ducia de edicións ás costas, polos seus escenarios pasaron algunhas das mellores arpistas das últimas décadas, como tamén as xeracións máis novas das escolas de Galicia.

Estilos moi diversos, intérpretes de diferentes xeracións e orixes, e propostas para formato máis íntimo ou para grandes escenarios conviven nun programa que, cada ano, conta co selo de calidade de quen asina a dirección artística do evento: a asociación Noia Harp Fest, e que conforman as principais arpistas do país.

Ademais, desde o ano 2023, o festival incorpora a celebración do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame creado para favorecer a ampliación do repertorio de obras escritas para arpa e orquestra. Nas últimas edicións, as pezas gañadoras (creacións dos arxentinos Federico Beilinson e Alejandro Civilotti) foron interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia. Precisamente estas semanas o xurado está a valorar as obras enviadas no marco da cuarta edición do concurso e o fallo darase a coñecer en datas vindeiras.

A 13ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Kevin LePennec actuou no Noia Harp Fest 2025

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.