Este mércores 28 de xaneiro a Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao organizou un acto de homenaxe ao poeta local Manuel Antonio no marco do nonaxésimo sexto aniversario do seu falecemento. Na ofrenda floral celebrada no Cemiterio rianxeiro participaron as e os integrantes da asociación e máis representantes do Concello, como o alcalde Julián Bustelo.

O acto quixo ser “un espazo de lembranza, respecto e reflexión arredor dunha das figuras máis singulares da literatura galega do século XX”. Durante a homenaxe no cemiterio houbo tamén unha lectura pública de textos do autor, co obxectivo de achegar a súa palabra ao lugar da súa memoria. Trala ofrenda floral, realizouse unha visita á Casa Museo de Manoel Antonio, situada no casco histórico da vila, como continuidade simbólica da homenaxe e achegamento ao espazo vital do poeta.
A asociación fixo un percorrido pola obra e legado do poeta. Lembrou que Manoel Antonio formouse en Santiago de Compostela e posteriormente en Vigo, onde cursou estudos de Náutica. Durante estes anos consolidou amizades e vínculos intelectuais decisivos coa cultura galega do seu tempo, entre eles Castelao e Rafael Dieste, cos que mantivo unha relación de estima persoal, intercambio de ideas e compromiso común coa renovación cultural e co galeguismo. Como piloto de navío en prácticas realizou diversas travesías polo Atlántico e polo Mediterráneo a bordo do pailebote Constantino Candeira. Foi precisamente durante estas viaxes cando concibiu e escribiu o seu libro máis coñecido, De catro a catro (1928), pensado como un diario poético de navegación no que o mar se converte en espazo simbólico de liberdade, soidade e procura interior.
A asociación recordou tamén que Manoel Antonio foi unha das voces máis representativas da vangarda literaria galega.
Con este acto, a Asociación Etnolóxica Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao quixo contribuír á conservación da súa memoria e á difusión “dunha obra que segue a interpelar ás novas xeracións”.
O acto
O acto de homenaxe deste 28 de xaneiro celebrouse fronte á tumba do poeta no cemiterio da localidade, onde a solemnidade da ofrenda floral, entregada polo alcalde, Julián Bustelo, o presidente da Asociación Etnolóxica, Xosé Bravo, e o secretario da entidade, Xusto Ordóñez, entrelazouse coa
lectura da súa obra. Tres alumnos do IES Félix Muriel devolveron por un intre a palabra ao autor co recitado de De catro a catro, o poemario que marcou un antes e un despois na poesía galega ao introducir unha estética plenamente vangardista.

A Asociación Etnolóxica A.D.M.R. Castelao, quixo expresar o seu agradecemento ao alumnado participante, así como á dirección e ao profesorado do IES Félix Muriel polo “seu compromiso constante coa cultura e coa difusión da obra dos poetas rianxeiros, un labor que contribúe a manter viva a identidade literaria do municipio”.
Xunto ao rexedor asistiron o tenente de alcalde, Julio Alcalde, e outros concelleiros do municipio, entre eles Ramón Vicente e Antonio Isorna, representantes do grupo municipal do Partido Popular de Rianxo. Tamén participaron os ex-alcaldes de Rianxo Pedro Piñeiro e de Boiro, Xosé Deira. Pola parte da asociación organizadora, ademais do presidente e do secretario, asistiron a tesoureira, Luísa Prada, e os vogais Joaquín Domínguez, Ramón Dios e Benito Miguéns, xunto con figuras destacadas da cultura local como Ramón Brea, o ex-concelleiro de Cultura José Figueiro e o coordinador comarcal de Queremos Galego Barbanza, Xosé Agrelo, ademais de veciños e veciñas que participaron nesta homenaxe.
Tras o tributo a pé de tumba, os asistentes percorreron as estancias da Casa-Museo de Manoel Antonio, nunha viaxe polas pegadas do seu universo
creativo. Desde a organización subliñaron “a importancia de manter vivo este legado para que o paso do tempo non borre a memoria dun dos fillos máis ilustres de Rianxo”.
A figura de Manoel Antonio: un faro da vangarda galega
Nado en 1900 e falecido prematuramente en 1930, con só 29 anos, Manoel Antonio deixou unha obra breve pero decisiva. A súa poesía, marcada pola ruptura formal, o simbolismo marítimo e unha profunda vontade de modernidade, converteuno no principal referente da vangarda galega. A súa escrita, afastada do costumismo dominante, abriu camiños novos cunha linguaxe depurada, musical e cargada de imaxes visionarias.
O seu Manifesto Máis Alá (1922) é considerado un dos textos fundacionais da modernidade literaria en Galicia. Nel defendía unha arte libre, sen ataduras, capaz de ir “máis alá” das convencións estéticas e sociais. A súa aposta pola renovación conectou a literatura galega coas correntes europeas do momento, situándoa nun diálogo internacional que daquela apenas comezaba.
A morte prematura do poeta, na parroquia de Asados, truncou unha traxectoria que prometía unha evolución aínda máis audaz. Con todo, a súa obra consolidouse como unha das achegas máis perdurábeis da nosa literatura, un faro que continúa iluminando xeracións de lectores e creadoras.





