O legado de Castelao demostra a súa vixencia no acto de homenaxe do seu 76º cabodano, en Bonaval

07 Xaneiro 2026

Este mércores 7 de xaneiro celebrouse en Santiago o acto institucional de conmemoración do 76º aniversario do falecemento de Castelao. Desenvolveuse no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval (onde están soterrados os restos do ilustre escritor e político rianxeiro) organizado pola Fundación Castelao coa participación de representantes das principais institucións galegas.

Participaron, entre outras personalidades, a alcaldesa Goretti Sanmartín, o conselleiro de Cultura, José López Campos, o delegado do Goberno na Xunta, Pedro Blanco, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Tamén estivo presente o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane.

O acto estivo conducido pola poeta e xornalista Noelia Gómez, padroeira da Fundación Castelao, e contou cunha introdución e varias pezas musicais a cargo de Benxamín Otero. A homenaxe incluíu unha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego, nunha cerimonia que combinou palabra, música e simboloxía colectiva.

Durante a súa intervención, a alcaldesa Goretti Sanmartín salientou que lembrar a Castelao non é un xesto protocolario nin un exercicio de nostalxia, senón unha necesidade: “Cando unha persoa deixa pegada, non abonda con gardala nun libro nin cunha placa nunha parede. Hai que volver a ela, repetila, pronunciar o seu nome e traela ao presente para que non se nos volva allea”, afirmou Sanmartín.

Sanmartín puxo en valor o significado de Bonaval como espazo de memoria viva, onde “a memoria non é unha idea abstracta, senón que ten terra, nomes propios, datas que nos convocan e silencios que nos obrigan a pensar”. Nese contexto, lembrou que Castelao “descansa aquí, mais non está inmóbil”, xa que o seu legado segue presente nos seus textos, nos seus debuxos e nas preguntas que nos continúa lanzando.

No seu discurso, a alcaldesa lembrou igualmente a figura de Castelao como primeiro presidente da Galiza e como exiliado, e vinculou esa traxectoria coa decisión do Concello de Santiago de dar o seu nome á estación intermodal. “As estacións son lugares de paso, de chegadas e despedidas, e que ese espazo leve o nome de Castelao fala dun país que se recoñece na súa historia mesmo cando está en tránsito”, explicou.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, salientou a Castelao como figura de “consenso e unión entre todos os galegos e galegas e símbolo universal de Galicia”. Amais, puxo en valor que o pobo galego lle teña outorgado “a máxima estima” polo “valioso legado intelectual, político e cultural, onde se significou especialmente pola súa férrea defensa do galego”. Ao respecto, incidiu no papel que xogan as novas xeracións, ás que lle atribuíu ser “continuadores naturais das súas importantes achegas”.

Por estes motivos, considerou “totalmente apropiado” enxalzar a Castelao como ese “referente que nos une para os significativos pasos que estamos a dar desde o Executivo galego de cara a acadar un maior pulo e prestixio do noso idioma”, argumentou.

En canto ao Ano Castelao que acaba de concluír, o conselleiro salientou que a “ampla e completa programación” que levou a cabo a Xunta durante todo o 2025 permitiu “unha maior proxección da súa figura, o seu legado e tamén da nosa cultura e lingua”. Deste xeito, fixo fincapé nos diferentes tipos de actividades polos centros escolares ou a publicación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro.

De igual forma, explicou que, entre as variadas propostas para festexar o Ano Castelo, tamén se incluíu, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos.

Ademais, López Campos destacou o éxito da experiencia interactiva Castelao. Mirar por Galicia, que aínda se pode visitar na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro, ”e que xa recibiu máis de 34.000 persoas interesadas tanto en mergullarse nas súas facianas persoal, artístico e político, como en coñecer a abraiante recreación virtual realizada con intelixencia artificial do intelectual”.

Valentín González Formoso, pola súa banda, destacou a figura de Castelao como “unha idea de país” e subliñou que o seu legado “non pertence só ao pasado, senón que segue plenamente vixente”, lembrando que a súa obra intelectual, artística e política continúa a ser un referente ético e moral para a Galicia actual. O presidente provincial puxo en valor a capacidade de Castelao para retratar a alma do pobo galego e para dignificar unha Galicia humilde pero nunca resignada, salientando o seu compromiso coa xustiza social, coa democracia e coa defensa da identidade galega. “Castelao foi, como dicía Ramón Piñeiro, un galego radical no sentido máis nobre da palabra, porque foi á raíz do que somos”, afirmou.

Formoso fixo especial fincapé na defensa do idioma galego realizada por Castelao, unha defensa “profunda, política e emocional”, lembrando que a lingua é a base da maneira de sentir, pensar e estar no mundo do pobo galego. Neste sentido, sinalou que a cultura e a lingua non son conquistas definitivas, senón tarefas permanentes que requiren compromiso diario.

O presidente da Deputación tamén evocou o exilio de Castelao como unha etapa de resistencia e compromiso coa Galicia silenciada pola represión, subliñando o seu papel como faro moral e político desde Bos Aires, onde traballou incansablemente por manter viva a lexitimidade democrática galega e a memoria do Estatuto.

Finalmente, Valentín González Formoso salientou que Castelao “non divide, senón que convoca; non exclúe, senón que suma”.

O acto concluíu no claustro e coa entrega do chamado 4º agasallo de Bonaval, unha publicación que recolle os discursos institucionais do cabodano e unha receita da sopa rianxeira de nécora de Casa Marcelo, acompañada dun debuxo de Castelao.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.