A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un vertido de augas residuais de carácter municipal a un rego ao seu paso polo lugar do Saltiño, no concello de Boiro.
Segundo fixo saber a entidade da Consellería de Medio Ambiente, o aporte irregular foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico autonómico no marco dos labores rutineiros de inspección que realiza nos concellos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
En concreto, os técnicos constataron a existencia dun vertido de pluviais con achega de augas residuais debido ás fisuras existentes na rede de saneamento, unhas deficiencias que provocaban a chegada dos aportes contaminantes ao rego do Saltiño, localizado no mesmo lugar.
Tras instar ao titular da rede a executar as actuacións necesarias para emendar a situación, técnicos do PCV volveron inspeccionar a zona e comprobaron sobre o terreo que se levara a cabo a rehabilitación do tramo do colector danado. Así mesmo, as analíticas realizadas constataron a ausencia de emisións contaminantes cara ao dominio público no punto inspeccionado.




