A Asociación Alfonso Daniel Rodríguez Castelao celebrou na igrexa de Santa Comba a misa polo 76º cabodano do senlleiro escritor e político rianxeiro

08 Xaneiro 2026


A Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao celebrou este mércores, 7 de xaneiro de 2026, na igrexa parroquial de Santa Comba (Rianxo), a 76ª misa de cabodano de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, figura maior da cultura galega contemporánea e rianxeiro universal. Segundo destacou a asociación, “o acto desenvolveuse nun ambiente de profunda emoción e respecto, arroupado por unha ampla representación institucional e social”.

Entre as autoridades locais presentes atopábanse o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; as concelleiras Tamara García e Alicia Carou; e os concelleiros José Luis Castiñeiras, Miguel Ángel Iglesias e José Antonio Fernández, membros da Corporación municipal. Tamén asistiron os ex-alcaldes de Boiro, Xosé Deira e Manuel Velo, xunto con representantes da cultura rianxeira, como Ramón Brea e Pepa Martínez. A representación da entidade estivo encabezada polo presidente Xosé Bravo, acompañado pola vicepresidenta María Jesús Suárez, o secretario Xusto Ordóñez, a tesoureira María Luísa Prada e os vogais Carmen García , Ramón Dios e Benito Miguéns.

A elas/es sumáronse numerosos veciños e veciñas que, un ano máis, quixeron render tributo á memoria de Castelao, en palabras da asociación “un home que fixo da súa vida un servizo permanente a Galicia”.

76 anos sen Castelao

Castelao faleceu en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 ás 22:50 horas as 2:50 da madrugada dun domingo rianxeiro. A súa morte, lonxe da patria, “converteuse nun símbolo da traxedia colectiva dun pobo disperso polo mundo, mais tamén da súa capacidade de resistencia e esperanza”, salientou a asociación, lembrando que “Castelao foi o defensor dos humildes: mariñeiros, labregos, emigrantes Castelao entendeu Galicia desde abaixo, desde quen a constrúe cada día”.

Castelao, apuntaron dende a asociación na homenaxe deste 7 de xaneiro, “sabía que Galicia se sostén sobre o esforzo silencioso de quen traballa a terra e de quen se enfronta ao mar. Sabía que a emigración, tantas veces dolorosa, foi tamén unha das columnas que mantiveron viva a identidade galega. Nos seus debuxos, nos seus textos e nos seus discursos, fixo visíbel o que moitas veces permanecía oculto: a dignidade dos humildes, a forza moral dun pobo que non renuncia a ser quen é. A Galicia que soñou: consciente, libre e orgullosa Castelao soñou unha Galicia que se recoñece a si mesma, que non se avergoña da súa lingua nin da súa cultura, que non se resigna a ser menos do que pode ser. Na súa Alba de Gloria, cando evoca os heroes e mártires da nosa historia, lembra que Galicia non naceu dun decreto, senón do esforzo acumulado de xeracións”.

O adeus en Bos Aires: un funeral para a historia
A asociación rianxeira fixo tamén un achegamento ao funeral do seu ilustre veciño: “O luns 9 de xaneiro, o cadaleito foi disposto sobre un lenzo de Camariñas, delicadamente tecido, e adornado con rosas da pampa, nunha imaxe que condensaba a unión entre Galicia e a Arxentina, entre a terra que o viu nacer e a que o acolleu nos seus derradeiros anos. Sobre o féretro botouse terra de Galicia chegada expresamente para el, mesturada coa que xa se conservaba en Montevideo. Era un acto cargado de simbolismo: Castelao descansaba, por fin, sobre a terra que tanto amara e pola que tanto loitara. Cuberto coa bandeira galega, recibiu a homenaxe multitudinaria da colectividade galega en Bos Aires. O sacerdote vasco Iñaki de Azpiazu, compañeiro de exilio e amigo, pronunciou os responsorios en latín e, no interior do panteón galego do cemiterio da Chacarita, definiuno con palabras que quedaron gravadas na memoria colectiva: ‘Castelao, home bo; Castelao, amante da súa terra’. Aquelas palabras, pronunciadas nun lugar sagrado para a emigración galega, resoan hoxe con idéntica forza. Falamos dun home que fixo da súa vida un servizo, un sacrificio e unha entrega:
Castelao, fillo de Rianxo, guía do noso pobo e símbolo eterno da dignidade galega. Castelao naceu en Rianxo, mais Rianxo naceu tamén nel”.

A lembranza en Rianxo: un acto de unidade e memoria
Sete décadas despois, en Rianxo, baixo o responso do crego Marcelino Sánchez, celebrouse unha cerimonia solemne na que participaron veciños e veciñas que quixeron honrar a memoria do rianxeiro insigne. A misa, marcada pola sobriedade e pola emoción contida, evocou “non só o home e o intelectual, senón tamén o símbolo que Castelao representa para Galicia”, salientaron dende a Asociación Castelao.

Ao remate da celebración, a comitiva desprazouse ata o Paseo da Ribeira para realizar a tradicional ofrenda floral diante do busto do escritor.

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e o secretario da asociación, Xusto Ordóñez, foron os encargados de depositar o ramo de flores, acompañados polos demais membros da entidade e por un numeroso grupo de veciñas e veciños que quixeron sumarse ao acto.

Tras a colocación das flores, o busto quedou rodeado de asistentes que formaron un pequeno círculo arredor do monumento. A xornada concluíu coa interpretación do Himno galego, cantado a coro por todas as persoas presentes, enchendo o Paseo da Ribeira dunha emoción compartida que puxo o broche final a unha homenaxe que, un ano máis, “reafirmou o compromiso da comunidade coa preservación da memoria de Castelao”.

Compromiso da Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao

A asociación manifestou publicamente o seu firme e solemne compromiso para este ano 2026 e para os anos vindeiros: “Traballaremos con dedicación para divulgar a obra, a biografía e o pensamento de Castelao; promoveremos actividades culturais, educativas e divulgativas; e contribuiremos a que, na súa terra, reciba o recoñecemento pleno e merecido que lle corresponde como figura esencial da identidade galega. Porque honrar a Castelao é honrar a Galicia. E manter vivo o seu legado é un deber que asumimos con orgullo, responsabilidade e profunda devoción”.

Outros artigos

Amicos e CESUGA xuntan forzas en materia sociolaboral

A mañá deste mércores, 11 de febreiro, o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) asinou un convenio con Amicos, asociación inclusiva do Barbanza en materia sociolaboral. Segundo coincidiron, este acordo estratéxico permitirá achegar...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.