
Alumnado de terceiro curso de primaria do CEIP Rosalía de Castro xunto co director, Octavio Sánchez, entregaron este mércores 17 de decembro ao alcalde, Anxo Arca, e a concelleira Mariló Saco, todos os alimentos que recolleron no colexio durante a campaña de Nadal para colaborar coas familias con menores recursos do municipio.
Os produtos, agrupados en varias caixas, foron doados ao Servizos Sociais municipais para que, dende o Concello, sexan distribuídas entre aquelas familias de Padrón que máis o necesitan.
Ademais de conservas, pasta ou galletas, nesta doazón especial non faltaron os típicos doces de Nadal, para que todas as familias do municipio poidan gozar destas datas.
A campaña de recollida comezou a principio deste mes de decembro e volveu ter unha grande acollida entre as familias. “Este é o quinto ano que a organizamos, e ten sempre moi boa acollida entre as familias”, indicou Octavio Sánchez.
No acto estiveron presentes nenos e nenas de terceiro curso de primaria, acompañados pola súa titora, Blanca Represas, polo director do centro, e pola titora de sexto, Begoña Castro.
O alcalde e a concelleira agradeceron a implicación de toda a comunidade educativa nesta iniciativa, que “amosa a solidariedade do alumnado do Rosalía de Castro para facerlle máis agradable o Nadal a todas as familias do municipio”. Mariló Saco resaltou que o Rosalía é o único centro de Padrón que organiza esta iniciativa solidaria.



