O BNG e o PSdeG critican ao PP e o PBBI por “bloquear a creación de 40 prazas de aparcamento gratuíto e medidas de seguridade viaria en Ribeira”

25 Novembro 2025
Francisco Suárez-Puerta e Luís Pérez Barral, voceiros do PSdG e do BNG en Ribeira

Os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE emitiron un comunicado conxunto no que critican aos grupos de goberno, o PP e o PBBI, “por ter votado en contra da iniciativa presentada no pleno para non paralizar o plan de mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Ribeira que estaba previsto realizar”. Sinalan que a negativa destes dous grupos “impide avanzar nun conxunto de actuacións indispensábeis para protexer ás persoas peóns, ordenar o tráfico e crear ata 40 novas prazas de estacionamento gratuíto no barrio das Avesadas”.

A proposta debatida tiña por obxectivo recuperar proxectos xa iniciados antes da moción de censura, que ían realizarse neste último trimestre de 2025 e que contaban con informes técnicos e policiais favorábeis. Entre eles, destacaba a remodelación da rúa Estatuto, que incluía o seu cambio a sentido único para permitir ampliar beirarrúas estreitas, mellorar a circulación e habilitar preto de vinte novas prazas de estacionamento. A isto sumábanse outras vinte prazas mediante o pintado do estacionamento disuasorio pavimentado das Avesadas, lembraron as agrupacións da oposición.

BNG e PSdeG recordaron tamén que “estas actuacións forman parte dun plan integral de mobilidade segura posto en marcha no goberno, que incluía tamén a mellora da pintura horizontal, a reforza da sinalización e a iluminación dos pasos de peóns, especialmente nas zonas con maior risco de atropelo”. Os grupos municipais consideran “incomprensíbel” que PP e PBBI se opoñan a medidas avaladas pola Policía Local e reclamadas pola veciñanza.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lamentou que “o bloqueo de PP e PBBI impida e atrase actuacións que xa estaban encamiñadas e que son de sentido común. Ribeira necesita avanzar cara a un modelo de mobilidade seguro e centrado nas persoas, non quedar paralizada por decisións políticas sen fundamento, tan só por rivalidade”.

Pola súa banda, o voceiro socialista, Francisco Suárez-Puerta, advertiu que coa negativa “perde a veciñanza, perde o barrio das Avesadas e perde a contorna do parque infantil e do colexio Galaxia, onde estas melloras serían especialmente beneficiosas”.

Ambos grupos conclúen que a postura de PP e PBBI “supón un freo innecesario ao progreso de Ribeira, impedindo actuacións que mellorarían a seguridade viaria, aumentarían a accesibilidade e ampliarían a oferta de estacionamento gratuíto nun momento no que é máis necesario ca nunca”.

A iniciativa foi apoiada por BNG, PSdeG, 2 edís non adscritos e rexeitada por PP e PBBI

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...