Este martes 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres e os concellos da comarca do Babanza son un fervedoiro de actividades destinadas a denunciar esta lacra e sensibilizar e mobilizar ás novas xeracións. Facemos un repaso polas axendas:
En Lousame

O Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, vai desenvolver a campaña de sensibilización Abrígate baixo o paraugas do bo trato, financiada con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Unha iniciativa que foi presentada na mañá deste luns 24 de novembro polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, acompañado do persoal municipal dos Servizos Sociais.
O alcalde explicou que esta campaña “está dirixida a sensibilizar á poboación en xeral da importancia da prevención da violencia de xénero a través do bo trato e o respecto entre iguais”. Ata o vindeiro 7 de decembro, todas as persoas que desexen participar poderán facelo de dous xeitos:
-Compartindo a en redes sociais a publicación que o Concello de Lousame faga da campaña Abrígate baixo o paraugas do bo trato, co cancelo #abrigatenobotrato
-Compartindo unha fotografía cun paraugas, co hashtag #abrigatenobotrato e etiquetando ao Concello de Lousame na rede correspondente: Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame).
En caso de non dispoñer de redes sociais, o Departamento de Igualdade de Lousame dá tamén a opción de enviar a frase por WhatsApp ao 689 126 385, indicando o nome e apelidos de quen a envía ou ao grupo ao que representa.
O concurso está aberto a toda a veciñanza e pódese participar de xeito individual ou grupal (aulas, entidades, asociacións…). O prazo para enviar frases remata o 7 de decembro. Ao finalizar a campaña sortearanse os seguintes premios:
-1 vale por unha cea para catro persoas nun restaurante de Lousame entre as persoas que participaran de xeito individual compartindo a súa foto co paraugas
– 2 vales de 50€ para gastar nas farmacias de Lousame entre os grupos que participaron compartindo a súa foto co paraugas.
-2 vales de 50€ para gastar nunha ferraxería de Lousame, entre que participe so compartindo a campaña.
-50 paraugas rotulados co lema da campaña entre todas as persoas/grupos que participaran na iniciativa en xeral
25N
A rapazada do CPI Cernadas de Castro será a primeira en sumarse a esta campaña, como amosarán mañá martes durante o acto central do 25 de novembro, que terá lugar ás 12:00 horas diante da casa consistorial. O alcalde, Esteban Ares, será o encargado de dar lectura ao manifesto institucional, ao que seguirá un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero.
Acto seguindo, alumnado do CPI Cernadas de Castro e de colectivos como Misela, A Creba ou Cruz Vermella sumaranse a esta campaña facéndose fotografías co paraugas e a lenda #abrigatenobotrato na propia praza Teodomiro Hidalgo.

En Noia
No marco das actividades programadas para celebrar o 25N, a Concellería de Igualdade de Noia organiza unha manchea de actividades. A primeira foi o sábado 22 e consistiu nun Obradoiro de Defensa Persoal para Mulleres.
A seguir, a Concellería de Igualdade e o CIM de Noia convidaron á veciñanza a compartir unha tarde de teatro e reflexión coa obra Ám@te, da Asociación Cultural O Xeito. Foi este domingo 23 de novembro ás 19.00 horas na Sociedade Liceo de Noia, con entrada de balde.
A maiores, o martes 25 celebrarase unha concentración diante do Coliseo Noela, a partir das 11.45 horas, onde será lida a declaración institucional do 25 e onde se contará coa participación do alumnado dos centros educativos (haberá un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero). Ademais, sortearanse seis vales de 50 euros e repartirase material da campaña de sensibilización. O mércores 26 celebrarase o contacontos E ti, que queres ser de maior?, para alumnado de 1º e 2º de Primaria.
En Boiro
O Concello de Boiro vai celebrar coa mocidade local este 25 de novembro. O programa de actividades conta así cunha marcada participativa, que pon o foco en implicar á poboación xuvenil, comezando cun flashmob pola igualdade: unha acción artística para derrubar barreiras discriminatorias e visualizar como escalan as diferentes formas de violencia, dende as máis sutís ata as máis graves e visíbeis. Esta actividade, prevista para o 25N, está organizada polo Colectivo Turbina en colaboración co Concello. O programa tamén inclúe a lectura (no Consistorio a partir das 11.00 horas) dun manifesto polo 25N e a interpretación musical dos IES Espiñeira, Cachada e Barraña destinada a promover a igualdade. Organiza o Concello en colaboración coa Deputación (De Fronte á Violencia de Xénero) e a Xunta.

En Dodro
O Concello de Dodro vai conmemorar o 25N cunha manchea de actividades participativas baixo o lema Non se lastima a quen se quere (elixe feminismo), comezando coa colocación (o día 7 de novembro) dunha pancarta reivindicativa na balconada do Concello e co reparto dos dípticos informativos do CIM Terras de Iria en diferentes lugares municipais, centro de saúde… e tamén serán entregados ao alumnado da ESO do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.
Ademais, o día 8 celebrouse un curso de defensa persoal para mulleres e esta semana, o xoves 13 de novembro colocáronse sinais de Stop Violencia en varios lugares de Dodro. O 19 realizouse unha plantación árbores no campo do bosque e ás 12h colocáronse placas conmemorativas.
O día 22 a veciñanza de Dodro participou nunha andaina contra a violencia de xénero convocada baixo o epígrafe O xardín dos valores.
O 25N terá lugar un acto institucional no Concello ás 12.00 h.

No Son
En Porto do Son o Concello reivindicará o 25N con actuacións escénicas, unha nova xuntanza da mesa local contra as agresións, unha andaina reivindicativa dunha ducia de quilómetros (o 23 de novembro), unha carreira escolar (na propia xornada do 25) e unha campaña de sensibilización nos centros educativos.
-18 e 25 de outubro. Os sábados 18 e 25 celebrarase o 25N dende o ámbito cultural coa II Mostra de Teatro de Porto do Son, a veciñanza xa puido desfrutar das obras Vicio houbo sempre e Golpes, na Casa da Cultura de Porto do Son.
-14 de novembro. O Club de xubilados de Porto do Son acolleu a 9ª convocatoria da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero.
-23 de novembro. O 23 celebrouse a Andaina Contra a Violencia de Xénero, cun percorrido de 12 quilómetros e que saíu desde a praza de España ás 10:00 horas.
-25 de novembro. O eido deportivo e educativo únense na Carreira Escolar Contra a Violencia de Xénero, que partirá ás 10:30 h desde o Parque do Brañón de Porto do Son. Todas as crianzas participantes recibirán un agasallo en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade.
-25 de novembro. O programa a prol da igualdade poñerá o punto e final co reparto do material da campaña de sensibilización Non á Violencia de Xénero entre o alumnado do IES de Porto do Son.

En Rianxo
O 25N en Rianxo vai ser unha xornada de sensibilización pola igualdade e de loita contra as agresións machistas, da man da Concellería de Igualdade. O martes 25N haberá durante todo o día un Tendal da vergoña no Campo de Arriba de Rianxo no que calquera persoa pode pendurar as violencias que a diario sofren as mulleres só polo feito de selo.
Ás 18h do día 25, no Auditorio, proxectarase o documental O próximo baile será contigo, unha ollada en primeira persoa á forza do apoio mutuo entre as mulleres, á loita fronte á violencia institucional e á dor da ausencia. Ao remate da proxección haberá un coloquio coas protagonistas.
Ás 20.00 horas celebrarase a lectura do manifesto. Ademais, pandeireteiras rianxeiras cantarán xuntas Sen medo. Prevese que o acto se celebre no Campo de Arriba, mais en caso de choiva trasladarase ao Auditorio de Rianxo.
Ademais, a Casa Consistorial iluminarase de violeta durante toda a xornada.
Do 24 ao 30 de novembro estarán expostas as pancartas de Irmandiñas Púrpuras no segundo andar do Auditorio de Rianxo.
Tamén están colgadas na balaustrada do Pavillón Municipal José Manuel Abuín “Chema” as bufandas contra a violencia elaboradas por Ondiñas Mainas.

Na Pobra
Desmárcate! da violencia de xénero. Ese é o eixo e lema central da nova campaña que a Concellería de Igualdade da Pobra pon en marcha para conmemorar o 25N. Amais das sesións de contacontos realizadas nos últimos días, xa están en marcha os obradoiros lúdicos de sensibilización contra a violencia machista. Estes realizáronse ata o venres, 21 de novembro, no CEP Salustiano Rey Eiras e do 26 ao 28 de novembro no CEP Pilar Maestú Sierra.
O venres 21 celebrouse a Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero do Concello da Pobra. Será ás 10.00 horas na Casa da Mocidade.
O martes 25 inaugurarase a exposición artística Zapatos vermellos, realizada cos centros de educación primaria do municipio. Ese mesmo día, os rapaces e rapaces poderán gozar, ademais, da obra Crisálida. Ás 19.00 horas, os xardíns de Valle-Inclán acollerán a concentración do 25N, que dará comezo xunto á escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero.
O programa concluirá o mércores, 26 de novembro, con dúas novas propostas para os máis novos: o Túnel das voces, unha instalación inmersiva para o estudantado do IES da Pobra do Caramiñal e un scape room contra a violencia de xénero para o alumnado do CPR Divino Maestro. Ambas actividades estarán impartidas por Koremi.

En Ribeira
A Concellería de Igualdade de Ribeira programou no marco do 25N unha serie de accións que buscan unha sociedade máis igualitaria e contribuír a erradicar unha eiva social.
A concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, xunto coa axente de Igualdade do Concello, Chío Couto, explicou que o Centro de Información á Muller (CIM) optou “pola educación da lugar á transformación, polo que optamos por poñer o foco desta axenda nas novas xeracións”.
No propio martes 25 desenvolverase un acto institucional, ás 11.30 horas, na praza do Concello, dirixida a toda a cidadanía e coa participación de alumnado de 1° da ESO dos institutos do municipio. A rapazada creará un muro con caixas de cartón feitas previamente nun obradoiro con lemas a favor da igualdade para amosar de maneira simbólica a solidez que vai gañando o concepto, ademais de facer lectura participativa dun manifesto e plantación dunha oliveira na memoria das vítimas.
Para esa mesma xornada tamén se configura A ruleta do benquerer; un posto a pé de rúa que busca interactuar coa cidadanía, de 11.00 a 14.00 horas, na praza do Concello, e, de 16.00 a 18.00 horas, na rúa de Galicia.
O monólogo Vicio houbo sempre levarase a escena no xoves 27, ás 19.00 horas, no salón do Centro Cultural Lustres Rivas. Está destinado ao público adulto e chega ao municipio coa colaboración da Deputación da Coruña.
No mundo dixital difundirase a campaña Di si ao bo trato, onde se convida aos veciños e veciñas a que compartan no Facebook e Instagram as súas fotos dicindo si ao bo trato e mencionando as contas @concello.ribeira e @CIMribeira.
Alumnado de Formación Profesional do CIFP Coroso asistirá no xoves 27 á charla informativa Agresións sexuais e violencia sexual; un coloquio que promove a Consellería de Política Social. Xa pensado para os institutos, realizaranse unha serie de obradoiros de sensibilización O bo trato, para 1° da ESO. E, para os escolares de infantil, haberá contacontos Pola igualdade cos Bolechas, facendo tamén entrega de material didáctico.
Todas estas accións terán lugar nos propios centros de ensino co obxectivo de fomentar a igualdade, o respecto á diversidade e a prevención das violencias de xénero dende a empatía, o respecto e o bo trato xa dende as idades máis temperás.
A maiores, o CIM puxo en marcha a principios de novembro o Programa Educativo de Igualdade e Diversidade orientado alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio durante todo o curso escolar e que consta de dúas liñas principais de traballo: Aprender Igualdade Creando e Talleres de Saúde Afectivo-Sexual.
O primeiro bloque está dirixido a alumnado de 6º de primaria, apostando pola aprendizaxe a través da creatividade; mentres que o segundo son obradoiros para os cursos de 2º e 4º de secundaria e de Formación Profesional Básica para abordar a educación afectivo-sexual dende unha perspectiva de xénero.
Ademais, a Administración local adhírese á campaña É VIOLENCIA con todas as letras, da Xunta de Galicia, así como á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña.

En Muros
O Concello de Muros achegará diferentes actividades para públicos de todas as idades.
A programación comezou o 9 de novembro cun obradoiro de defensa persoal feminina, mentres que o 18 chegou a presentación do libro As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936, con Carmen V. Valiña.
As actividades coa comunidade educativa terán un especial protagonismo, coa charla teatralizada A violencia nos videoxogos, para o alumnado do IES Fontexería e o IES As Insuas, e a charla Desconecta a violencia: o perigo está en liña, en colaboración con ADISBISMUR para o alumnado do IES As Insuas.
O 25N instalarase no Curro da Praza un punto de sensibilización, en colaboración con ADISBISMUR e a Deputación da Coruña, e haberá unha concentración ás 12:00 horas.
Para pechar a programación, unha nova edición do Café Feminista o 29 de novembro no local de Agrovello, Tal, co tema A violencia psicolóxica. Contará coa intervención de Aurea Brea.

En Outes
Con motivo da conmemoración do 25N, o Concello de Outes achegou unha completa programación de actividades de concienciación, a través do CIM. A axenda comezou o xoves 20 co obradoiro Os vínculos afectivos sans, no IES Poeta Añón e co alumnado de 4º de ESO. Contarase coa presenza de Xiomara Lazo, técnica de igualdade do Concello.
O venres 21 de novembro foi a quenda de obradoiro Somos iguais, a cargo de Lorena Castro, educadora social, na Escola Infantil Municipal de Outes.
O luns 24 de novembro celebrouse outro taller: Coñezo o meu corpo e constrúo vínculos sans. Será no CEIP Plurilingüe de Outes, para alumnas de sexto de Educación Primaria, novamente con Xiomara Lazo, técnica de igualdade do Concello.
Este luns desenvolveuse tamén o obradoiro Desconecta a violencia: o perigo está en liña. Será no IES Poeta Añón, para alumnado de 2º da ESO, a cargo da asociación inclusiva local ADISBISMUR.
E na mesma xornada do luns 24 levouse a cabo tamén a charla informativa Sobre agresións sexuais e violencia sexual, no IES Poeta Añón para alumnado de 3º de ESO, con María Angélica Mercado.
O martes 25N haberá unha concentración ás 12.30 horas na praza de Galicia. Celebrarase a lectura dun manifesto a cargo do alumnado de 1º de ESO do IES Poeta Añón. Desenvolverase tamén un acto simbólico de SempreVivas a cargo do alumnado do CEIP Plurilingüe de Outes e o IES Poeta Añón.
Habilitarase un punto violenta de 12.00 a 13.00 horas na praza de Galicia coa colaboración de ADISBISMUR, aberto a toda a veciñanza.
O 26 de novembro celebrarase o obradoiro Coñezo o meu corpo e constrúo vínculos sans. Será no CEIP Serra de Outes para alumnado de 6º de Educación Primaria. Participa Xiomara Lazo, técnica de igualdade do Concello.




