Coñecín hai moitas décadas a Alfonso Santalices, o célebre boticario de Bande, demócrata, galeguista e
humanista. Era unha institución dentro e fóra da comarca da Limia. Na nosa lingua relacionábase coa xente
do común e tamén cos seus amigos antifranquistas cos que mantiña unha estreita relación solidaria. Era
frecuente ver a súa sinatura nos manifestos e declaracións de distinto tipo a prol de Galicia e das
liberdades democráticas. Coa súa sinatura avalaba a loita dos labregos de Castrelo de Miño contra as
inxustas expropiacións para a construción do encoro, ou solidarizándose con Alfonso Álvarez Gándara que
fora multado polas autoridades gobernativas por escribir un artigo na revista “Signo” titulado “La Iglesia no
habla el mismo idioma del pueblo”.
Cada vez que Luís Soto viña de vacacións a Vilanova dos Infantes convidabame a ir con el a Bande para
irmos visitar ao seu amigo, o boticario de Bande. Recibíanos na rebotica onde botabamos unha demorada
parola. El interesándose por moitos que marcharan ao exilio mexicano, e Luís agasallándoo sempre co
último número da revista Vieiros ou cun debuxo de deseño tradicional realizado polos indíxenas sobre un
papel feito da codía dun jonote, unha árbore autóctona do país azteca. Alfonso era un home afable,
retranqueiro e gasalleiro. De espírito socrático cultivaba unha exquisita tolerancia cos contertulios, sen
renunciar ás súas profundas conviccións de fondas raiceiras. Chamábame a atención o seu falar inzado de
léxico vizoso e de fraseoloxía tan propia do galego falado polas terras da fronteira, que hoxe
desgrazamente vaise perdendo.
Coñecía todo o repertorio musical do seu irmán Faustino, interpretado coa súa inseparable zanfona, a quen
profesaba admiración fraternal, pero tamén pola importancia que tivera o seu traballo de rescate de coplas
populares. Gustaba cantar o “Alalá das Mariñas”, case co mesm timbre de voz do seu irmán.
O seu fillo, Miguel A. Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, a primeira institución do país, foi
receptivo á proposta que lle fixo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística de
galeguizar o panteón familiar no cemiterio municipal de Bande, secundando a campaña “En galego, agora
e sempre”. Para tal fin elixíu uns versos dun poema que Celso E.Ferreiro lle dedicara ao seu pai titulado
“Homenaxe a Bande” ( “Para Alfonso Santalices, meu vello amigo”). “Alá arriba está Bande/coma unha
estampa antiga/debuxada no aire./Adeus,voume marchando/anque pareza ir ledo,/por dentro vou
chorando./ Quen poidera mirarte/dende o cume do outeiro/Santa Comba de Bande”.
O Presidente da Deputación de Ourense, que tamén amosou interese pola celebración do “Día da
Restauración da Memoria Lingüística”, convoca a todos os alcaldes da provincia para que acudan a asinar
unha Declaración de compromiso coa galeguización dos cemiterios, verdadeiros espazos da memoria
colectiva. Participarán tamén a médica forense dona Tamara Méndez que anunciará a galeguización das
actividades do IMELGA. Contaremos con algunhas empresas funerarias disposta a alentar o uso do galego
en esquelas e lápidas. O acto terá unha compoñente ecuménica que llela darán o Arcipreste da Baixa Limia,
don Roberto Álvarez, e o médico endocrino don Xesús Manuel Suárez Garcia secretario xeral da Alianza
Evanxélica Española.
A iniciativa “En galego,agora e sempre”, quere levar aos galegos e galegas a mensaxe de preservar a
memoria dos defuntos no idioma no que sempre falaron, soñaron, riron,cantaron…con lápidas en galego,
sendo así máis recoñecibles e próximos. Ramón Cabanillas expresou este sentemento de galeguidade asi:
“En galego,/preto e lonxe,/ onte, agora/ mañá…na vida e na morte/doente ou san/vivo ou morto/galego…só
galego!”.
Agora queda que o exemplo do Presidente do Parlamento sexa secundado polo resto dos dignatarios
institucionais, e por suposto, por todos os galegos e galegas que profesan galeguidade.
*Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.
Outes inaugura unha nova edición dos Obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas de Galicia
O xornalista Miguel Rodríguez no obradoiro impartido no IES Poeta Añón de Outes Nesta mañá do xoves, 18 de xuño, daba comezo unha nova edición dos Obradoiros contra a desinformación desenvolvidos en nove localidades da provincia da Coruña polo Colexio Profesional de...



