O Concello de Boiro vén de recibir o distintivo Bandeira Verde de Galicia, un galardón que premia aos municipios da comunidade autónoma que destacan polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. O alcalde, José Ramón Romero, recolleu na mañá deste 14 de outubro o distintivo nun acto presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Esta iniciativa da que participa o Concello de Boiro, busca “distinguir aos concellos máis dinámicos e que desenvolven prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2 ou a redución do consumo enerxético, entre outras”.
O rexedor explicou que o concello de Boiro conta cunha poboación de 18.984 habitantes onde o 64,25% está concentrada nos núcleos de Boiro, Pesqueira, Escarabote, Escarabotiño, Peralto, A Igrexa, Abanqueiro e Triñans, emprazados na franxa costeira.
Engadiron dende o Concello que as principais actuacións que se desenvolven no marco desta candidatura inciden na interconexión dos núcleos rurais coas zonas máis poboadas como as incluídas no Plan de Mobilidade Urbana do Concello de Boiro.
O núcleo urbano dinamizase grazas á rede comercial existente e ao mercado municipal, no que se levou a cabo recentemente unha inversión precedente de fondos Next Generation para a modernización do Centro Comercial Aberto. No referente a servizos prestados polo concello está a xestión de residuos, que prioriza a reciclaxe e a eliminación de vertedoiros mediante a adquisición de puntos limpos móbiles.
Tamén se incluíron nesta candidatura as accións para a redución de gases de efecto invernadoiro como o Pacto de Acción polo Clima e Enerxía Sostíbel (PACES), un documento que se renova de xeito periódico para revisar os obxectivos marcados e fixar novos compromisos; e tamén a cuberta do parque infantil con iluminación solar fotovoltaica.
Concello de Boiro incidiu tamén “na sensibilización e comunicación que tratan de informar á cidadanía das problemáticas locais tanto do medio ambiente urbano como ao medio ambiente natural a través de programas cos centros de ensino”.



