
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañados da alcaldesa María Sampedro, visitaron este venres 31 de outubro a antiga factoría de salgadura de punta do Castro, en Castiñeiras (Ribeira), que é un dos bens incluídos no catálogo de bens culturais no iitoral, que reúne un total de 313 elementos no conxunto desta comarca que destacan polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros.
O proxecto de interpretación ambiental
Na vista a Castiñeiras, a rexedora explicou o proxecto previsto para esta antiga edificación que persiste a carón da praia do Castro-A Catía; unha nave que tivo no pasado un uso industrial e no futuro prevese reforzar o seu uso cultural e turístico. Alí tamén estiveron o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, e o seu homólogo de Medio Ambiente, Víctor Reiriz. Explicaron que o proxecto está orzamentado nuns 150.000 euros, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística de Ribeira ao abeiro dos fondos Next Generation. O deseño propón revitalizar a antiga fábrica de salgadura, poñendo en valor as pilas de salgadura e consolidando a edificación existente, ademais de colocar unha serie
de estruturas de balancín que se erixan como un miradoiro, reforzando o vínculo do inmóbel co mar. Preténdese “reproducir así o mecanismo que se identifica coa industria da salgadura de mediados do século XIX”, explicaron.
Máis datos sobre o catálogo
Volvendo ao catálogo, os conselleiros sinalaron que “de todos os inmóbeis inventariados nesta zona, máis do 50,5% pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais —entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial— polo que”, segundo explicou Ángeles Vázquez, “serían susceptíbeis de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección”.
Vázquez engadiu que ese hipotético cambio de uso “pode contribuír ao desenvolvemento sostíbel da costa xa que, aínda que non se materialice en todos os casos, dáse a posibilidade para a recuperación dalgúns destes bens mediante a execución de proxectos que sexan compatíbeis e respecten os valores e características que lle valeron a súa catalogación”.

De feito, a conselleira avogou por un litoral “vivo e activo” no que se conxugue a protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, que é precisamente o obxectivo da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez lembrou que este catálogo atópase hoxe no procedemento de información pública para recibir achegas e suxestións para enriquecer o documento.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a creación deste catálogo porque vai permitir “pór en valor o inmenso patrimonio do litoral galego e deses elementos senlleiros que nos definen como pobo”. Neste senso, celebrou a entrada en vigor da nova Lei do litoral por “abrir moitísimas portas”. “E o primeiro candeado que abre é esta: ordenar ese gran tesouro que queremos mostrar ao mundo”, asegurou.
Así, López Campos incidiu en que o obxectivo da nova normativa é “prestixiar” a costa galega ao “favorecer novos usos e unha nova vida” a bens que estaban en desuso. “O que non podemos facer é deixalos en estado ruinoso”, argumentou ao tempo que destacou que suporá “unha nova vida e dinamización cultural e económica” da zona.
Catalogación de 1.582 bens
O Catálogo de bens de valor cultural do litoral é unha das primeiras medidas estratéxicas impulsadas pola Xunta en aplicación da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (LOXILGA), que inclúe dentro das actuacións clave para o desenvolvemento respectuoso co medio da costa aquelas intervencións destinadas a poñer en valor o patrimonio cultural existente a pé de mar.
Para a súa elaboración tomouse como base un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgaduras, conserveiras…) dos que se tiña unicamente información moi básica.
A partir diso, levouse a cabo un exhaustivo traballo que deu como resultado a identificación dun total de 1.582 bens, dos que 817 se localizan na provincia da Coruña; 640, na de Pontevedra, e 125, na de Lugo.





