O pasado martes 16, Teresa Villaverde puxo punto final a unha etapa que definiu, co seu selo
persoal, máis dunha década da historia recente de Lousame. Dende 2012, cando asumiu a Alcaldía,
ata a súa despedida, non foi só a primeira autoridade municipal, foi mestra, guía e referente dunha
maneira de entender a política que hoxe semella tan necesaria como escasa.
A súa traxectoria, que arrinca nas aulas, estivo sempre marcada pola vocación de servizo. Antes de
ser alcaldesa, Teresa Villaverde foi xefa territorial de Educación, da man do entón recentemente
proclamado presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Logo chegou o escano no Hórreo, e
finalmente o destino natural, dirixir a súa querida localidade de Lousame, á que entregou gran parte
da súa traxectoria, ao tempo que exerceu como deputada provincial.
Da súa man chegaron tres maiorías absolutas consecutivas. “Case nada” poderíase dicir, coa ironía
de quen sabe que acadar unha maioría no plano municipal é hoxe case unha rareza, unha reliquia
política no actual escenario comarcal.
No seu legado queda sobre todo a lección máis difícil de medir, a do exemplo. Teresa Villaverde
ensinou a varias xeracións que a política non é un trampolín, senón unha escola e que a mellor
medalla é o recoñecemento silencioso dos veciños.
Esta semana, ao deixar a Alcaldía, Teresa despediuse como chegou, con humildade e coa
satisfacción do deber cumprido. Ao seu paso, quedan tantas leccións como compromisos por imitar.
Para a clase política, a súa traxectoria é un recordatorio de que gobernar é servir e que non hai tarefa
pequena cando se fai co corazón.
Queda, en Lousame, a memoria dunha xestión e o eco dun maxisterio que non se xubila, porque os
exemplos, coma as boas mestras, nunca marchan de todo.



