- A cita, consolidada na comarca do Sar baixo o lema «Resistencia e alegría», contará con actuacións como as de Paco Nogueiras, SECHO ou Ceibarrimas, ademais de degustacións e regueifas.

A aldea de Manselle, no municipio de Dodro, volverá ser o epicentro cultural da comarca do Sar o vindeiro sábado 26 de setembro coa celebración dunha nova edición do Festivalo. Baixo o lema «Resistencia e alegría», o evento presenta unha completa programación que conxuga música en directo, tradición oral, gastronomía e convivencia veciñal, reivindicando un ano máis a dinamización do medio rural a través da cultura.
A xornada festiva arrancará a partir do mediodía no Souto de Manselle cunha sesión vermú amenizada por Paco Nogueiras ás 12:30 horas. Unha hora despois, ás 13:30 horas e no mesmo espazo, terá lugar unha degustación de tapas escocesas acompañada pola música de Maruxa e Coralia Dilleis.
Tras a pausa do xantar, as actividades reactivaranse ás 18:00 horas cos Mersenarios no souto. A partir das 19:00 horas, o protagonismo trasladarase ao escenario Sernanselle coa actuación das Regueifeiras de Dodro, á que seguirá, ás 19:30 horas, o concerto de SECHO, quen aproveitará a cita para presentar o seu novo traballo discográfico. Neste mesmo escenario abrirase o tramo nocturno ás 20:00 horas coa proposta de Ceibarrimas.
O peche da xornada terá como punto neurálxico o escenario principal do Festivalo. A partir das 21:00 horas subirá ás táboas o grupo Pecha a Cansela, dando paso ás 22:00 horas a Five Star Service. O punto final á programación musical porao XMASEDA65 a partir das 23:00 horas.
Dinamización rural e apoio institucional
Desde a organización subliñan a vontade de poñer en valor Manselle e a súa contorna natural como espazo de encontro aberto a todos os públicos, apostando por artistas vencellados á creación contemporánea e á identidade galega.
Esta edición de 2026 conta co apoio e colaboración de diversas entidades e colectivos locais, entre os que figuran a CMVMC Balouta e Fontecova, Casa Patín, Deleite, Seguros Rial, Daveiga, así como a Rede Cultural da Deputación da Coruña e o propio Concello de Dodro.



