
Un grupo informal de mozos e mozas da comarca do Barbanza vén de lanzar unha iniciativa para reunir persoas interesadas en formarse como monitores e monitoras de actividades de tempo libre e vivir este verán a súa primeira experiencia laboral en campamentos e programas de ocio educativo.
O curso, que se celebrará en Ribeira, está organizado pola consultora CLT e será totalmente gratuíto, ao estar financiado pola Consellería de Emprego da Xunta de Galicia.
Segundo informa o colectivo impulsor desta iniciativa, “a formación permitirá ás persoas participantes adquirir habilidades clave para o traballo con grupos infantís e xuvenís: convivencia en comunidade, dinamización de actividades, educación en valores e contacto directo coa natureza”.
Os impulsores do programa destacan que “esta é unha oportunidade única para que a mocidade da contorna poida dar o seu primeiro paso no mundo laboral, aprender a traballar en equipo e descubrir o potencial transformador da educación no tempo libre”.
O curso está dirixido a mozos e mozas de toda a comarca do Barbanza, especialmente a aqueles que buscan unha experiencia práctica que combine aprendizaxe, responsabilidade e diversión.
As persoas interesadas poden enviar a súa información e solicitar praza a través do seguinte contacto: administracion@cltconsultores.com.



