A ANPA da comunidade educativa do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso (A Barquiña, Noia) está a mobilizarse neste inicio de curso ante os recortes comunicados pola Consellería de Educación. As mobilizacións, que contan co apoio do Concello, poñen o foco na supresión do titor/a de desdobre en 3º de Primaria, que, segundo informa a comunidade de nais e pais, “compromete a calidade da aprendizaxe e dificulta a atención individualizada do alumnado”. As reivindicacións súmanse ás emitidas dende a ANPA do Grupo de Ribeira, que fixeron pública este luns 8 de setembro unha reclamación análoga.
Para a ANPA do CEIP da Barquiña, “o recorte da xornada dun dos coidadores responsábeis de atender a tres alumnos con grao 3 de dependencia resulta especialmente grave, ao afectar á súa seguridade e benestar, así como á tranquilidade das familias”.
Pola súa banda, o Concello de Noia emitiu tamén un comunicado no que considera estas medidas “inaceptábeis” e subliña que “a educación pública debe garantir igualdade de oportunidades e recursos suficientes para todo o alumnado”. Esta mesma semana, o Goberno municipal anunciou que vai presenta un escrito formal ante a Consellería de Educación “reclamando a reposición inmediata do titor/a suprimido e a restitución da xornada completa do persoal coidador, ademais de pedir garantías de que non se producirán máis recortes”.




