As familias do CEIP O Grupo concéntranse para esixir á Xunta “a dotación inmediata de profesorado”

08 Setembro 2025

As nais e os pais da ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira concentráronse no mediodía deste luns 8 de setembro para reclamar á Xunta “a dotación urxente de profesorado”. En concreto, esixiron “o nomeamento urxente dun/a substituto/a para a titoría de de 3ºB de E.P”.

A ANPA decidiu concentrarse todos os luns ás 11:30 h ata que este mestre/a sexa nomeado.

Tamén agradeceu o colectivo a presenza do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, e os concelleiros Juan Furones, Francisco Suárez-Puerta e Genoveva Betanzos, así como representantes doutras ANPAs do municipio, o profesorado, a dirección do centro, as familias e a veciñanza en xeral “que nos acompañou facendo forza nesta reclamación”, sinalaron.

O BNG de Ribeira apoia a comunidade escolar do Grupo

O Bloque Nacionalista Galego manifesta o seu respaldo á mobilización convocada pola ANPA Santa Uxía tras a denuncia de que o curso comezou sen un titor para unha aula de terceiro de Primaria. Esta situación “resulta inaceptábel e engádese a unha longa serie de recortes e deficiencias que a comunidade educativa vén denunciando nos últimos anos”, reflectiu a agrupación, lembrando que en febreiro deste mesmo ano a ANPA do CEIP O Grupo mobilizouse para reclamar a reactivación das obras do ascensor e a recuperación de profesorado especialista; e que en outubro de 2024 as ANPAs de Ribeira, co apoio do Concello, fixeron público un manifesto conxunto contra a redución de aulas, o incremento das ratios e a diminución de docentes e persoal de apoio. 

“Os recortes en profesorado afectan a moitos centros como o IES Nº 1 de Ribeira onde hai uns cantos anos tamén se reduciran 10 docentes e profesorado especializado en necesidades específicas”, sinalou o BNG, engadindo que “estes feitos demostran que non se trata dun problema puntual senón un ataque sistemático contra o ensino público”.

Dende o BNG de Ribeira reiteran que “o Ensino público debe ser unha prioridade e que a Xunta de Galiza ten a obriga de dotar de inmediato o profesorado necesario para garantir un ensino de calidade”. Ademais, reclaman que “o Partido Popular debe deixar de atacar Ribeira e de xogar cos dereitos das crianzas, porque quen paga as consecuencias destes recortes son as familias e o alumnado”.

Na concentración en defensa desta reivindicación estiveron presentes militantes do BNG local, incluíndo o alcalde Luís Pérez e as concelleiras Cruz Rivadulla e Veva Betanzos mostrando así o compromiso firme coa defensa da educación pública e co dereito de todas as nenas e nenos de Ribeira a un ensino digno.

Manifesto da ANPA

“A finais de agosto coñecemos os nomeamentos de profesorado co que íamos comezar este curso e pese a non estar conformes porque non é
suficiente o persoal especialista en NEAE para o alumnado que temos con necesidades especiais, así como o feito de que non mandaran un
mestre de reforzo ou apoio para o desdobre ao que temos dereito nos sextos de E.P. entendemos esta falta de persoal como algo endémico
na educación en Galicia, que está a ser recortada en recursos continuamente.

O que non entendemos é que neguen ao colexio un titor/a fundamental e obrigatorio para un grupo de 23 alumnos de 7-8 anos durante todo o
curso e que a solución que propoñan é que sexa co-titorizado por outro mestre e que as clases sexan cubertas coas horas de garda do resto
dos profesionais do centro, unha situación esperpéntica, absurda que mingua a calidade da ensinanza dos nosos fillos e fillas, non só do
grupo de 3oB de EP, senón tamén do resto do colexio ao afectar a todas as clases pois restaría esas horas fundamentais de garda do resto de
mestres, que son empregadas en cubrir faltas temporais de profesores no día a día, para tarefas de titoría, etc.

Isto ou é un fallo do sistema que agora Inspección se nega a recoñecer ou está feito deliberadamente, xa que dende o mes de xuño se nos ven
dicindo que a vacante producida pola comisión de servizos da titular da praza sería cuberta de xeito automático coas listas de substitución de
interinos, agardando ata o último día antes do comezo do curso, para comunicarnos que non van enviar este titor/a e dando a solución incomprensible antes citada.

Esiximos que inmediatamente nomeen a este titor/a enviando a un profesional a tempo completo ao noso colexio para reverter esta situación o antes posible, pois non cabe outra solución e anunciámoslles que do contrario realizaremos todo tipo de actos de protesta, mobilizacións e comunicados públicos ata que se resolva este asunto que non ten semellanza a ningún outro na provincia; deixar un grupo de alumnos de primaria sen titor titular e pretender que sexa co-titorizado ao tempo que as clases das distintas materias llas vaian impartindo unha sucesión de profesores do colexio coas horas que lle vaian quedando “libres” de gardas e titorías.

Propoñemos tamén unha reunión co Xefe Territorial da Coruña para falar de outros asuntos de grande importancia para o centro, como o reforzo de persoal en NEAE, coidadores, mestres de apoio ou a realización de obras imprescindibles como a renovación do edificio da vella comisaría de policía nacional ou da cuberta do edificio de infantil, o pintado exterior do edificio principal, o arranxo do pavillón deportivo ou a posta en funcionamento do ascensor do edificio anexo que leva un ano instalándose dende que foi adxudicado en xuño de 2024 e comeza tamén o curso sen entrar en funcionamento pola falta unha certificación de Industria”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.