Ribeira celebra este sábado a súa primeira Romaría do Orghullo LGBTIQ+

04 Xullo 2025

Ribeira encherase este sábado 5 de xullo de reivindicación e música ao aire libre para celebrar a súa primeira Romaría do Orghullo LGBTIQ+. As inmediacións da praia de Coroso serán escenario dunha tarde na que concienciación social e cultura irán da man “co obxectivo de visibilizar a situación actual do colectivo LGBT+ na comarca”, informou a organización da cita festiva e reivindicativa, engadindo que o festival, promovido pola asociación As Malas Herbas en colaboración con Ribeira Crea e Altofalante, comezará ás 19:00 horas coa presentación do libro Vidas e historias LGBT na Idade Media, do autor Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978).

A continuación, a actividade proseguirá coa proxección de Plumass, unha curtametraxe da artista audiovisual e poeta Bea Saiáns á que se sumará un pequeno relatorio sobre a creación de contidos en prol da diversidade ofrecida pola presidenta da asociación Ribeira Crea, Alba Pego. 

Malas Herbas fixo saber que “o momento máis reivindicativo da xornada” chegará coa lectura dun manifesto co que, segundo a presidenta da asociación, Ana Pérez “exporase a situación real dun colectivo que ve día tras día como se seguen vulnerando os seus dereitos”.

Pola súa banda, Iria Casais, secretaria da organización, defendeu este acto como “un espazo seguro, de colaboración e construción entre persoas do colectivo e as asociacións locais que acompañarán a xornada con varios postos para amosar apoio á causa”. Con este acto, “demostraremos que nun plano internacional copado por figuras reaccionarias como Donald Trump ou Viktor Orban, a acción social en pequenas vilas como a nosa representa unha alternativa real contra a violencia”, sinalou Casais.

Logo da lectura do manifesto, a encargada de poñer un broche de ouro musical á xornada será a DJ Lakenobaila, da que os asistentes poderán desfrutar até as 23:30 horas. 

Durante o transcurso da tarde celebraranse varios sorteos de lotes de produtos e libros para a recadación de fondos da asociación.

Outros artigos

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Este martes 8 de xullo, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo de Ribeira, anunciou a posta en marcha, nas súas palabras, “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes itinerarios, engadiu,...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.