
O Grupo Municipal Socialista de Rianxo emitiu un comunicado no que acusa ao Goberno local rianxeiro da “situación insostíbel que están a sufrir numerosas empresas e provedores locais debido aos reiterados atrasos nos pagos do Concello”.
A agrupación tamén critica ao Concello por, segundo din, “falta de transparencia”, xa que “aínda que os reparos da Intervención reflíctense publicamente nos libros de decretos municipais, non dispoñemos da totalidade das facturas, a pesar de telas solicitado formalmente en múltiples ocasións”. Din que estas solicitudes de cobro “teñen máis de seis meses e algunha supera o ano e medio de antigüidade”. Engaden que “as facturas que coñecemos reflicten atrasos no pago que, nalgúns casos, superan o ano, afectando gravemente á economía e viabilidade de moitas empresas de Rianxo” e sosteñen tamén que seguen sen dispor “dunha data para a liquidación do exercicio 2024, o que impide valorar con rigor a situación económica real do Concello”.
E conclúen: “Desde o PSdeG-PSOE de Rianxo esiximos ao alcalde e ao Goberno local que cumpran coas súas obrigas legais, faciliten toda a información solicitada, axilicen os pagos a provedores e garantan a transparencia e a boa xestión na administración municipal; xa que a opacidade non pode ser o método de xestión dun Concello que debe responder ante a súa cidadanía e garantir a confianza nas súas institucións”.



