O histórico empresario Severino Escurís Batalla recibiu este venres 4 unha sentida e emotiva homenaxe da súa vila, A Pobra do Caramiñal, por “ser o responsábel de facer da localidade unha referencia no sector conserveiro e unha das persoas que están detrás do crecemento da comarca do Barbanza”. Estas foron, unicamente, algunhas das razóns que se esgrimiron para conceder a Severino Escurís Batalla o Recoñecemento ao Mérito Empresarial. O distintivo, outorgado polo Concello e a Asociación de Empresarios da Pobra en colaboración tamén coa Deputación da Coruña, buscou enxalzar o papel e a carreira de Escurís, “que dedicou toda a súa vida ao mundo das conservas”, sinalaron as entidades.

No acto interviñeron e outorgaron a estatua e a placa conmemorativa o alcalde, José Carlos Vidal Suárez, e o presidente da Asociación de Empresarios da Pobra, José Antonio Vidal Fabri. A concelleira de Obras, Cultura, Memoria Histórica, Sanidade e Relaciones Institucionais, Patricia Lojo, actuou como mestra de cerimonias, dando paso aos distintos representantes institucionais que quixeron pór en valor a traxectoria de Escurís Batalla ao longo dos anos. Asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a deputada provincial da área de Emprego, Rosa Ana García, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación da Xunta de Galicia, Cándido Rial, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, o vicepresidente da Confederación de Empresarios de A Coruña, José Villarnovo, e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa María Cardeso.
Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu o labor realizado por Escurís Batalla, que cualificou como “esencial para o crecemento do noso polígono e da Pobra, en particular, e do Barbanza, en xeral”. O primeiro edil fixo un repaso polos fitos acadados polo homenaxeado e pola súa familia. Así, Vidal Suárez lembrou que Escurís Batalla comezou o seu percorrido profesional aos 14 anos na empresa familiar Escurís S.L. O alcalde referiuse tamén á fundación ACTEMSA (Actividades Empresariales S.A.), que Escurís erixiu xunto aos seus fillos.
José Carlos Vidal incidiu en que todo isto “explica e xustifica que a comarca do Barbanza-Arousa sexa o distrito conserveiro-atuneiro máis importante de Europa, no que nunha franxa de apenas 20 km se concentran as fábricas e as firmas frigoríficas de maiores vendas”. O rexedor reafirmou que este acto é, non só unha homenaxe para Escurís Batalla, senón tamén para toda a familia, cuxo apelido vai “ligado á historia conserveira e económica de Galicia e tamén á da Pobra”. Na mesma liña, a concelleira Patricia Lojo subliñou que o de hoxe “buscou ser unha sentida homenaxe a unha figura clave que fala do noso presente e do noso futuro como concello da comarca, un recoñecemento co que devolverlle a Severino Escurís Batalla unha pequena parte de todo o que el nos deu ao longo destes anos”.
No acto, un emocionado Severino Escurís, que cumprirá 100 anos o próximo 18 de xullo, recibiu de mans do alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, unha placa conmemorativa, e por parte do presidente de AEPuebla, José Antonio Vidal Fabri, unha escultura de Sargadelos representativa da súa traxectoria, asociada ao mar, destacando a razón de ser da homenaxe.
“A súa capacidade de liderado tivo un impacto multiplicador no desenvolvemento económico e social da zona, xerando miles de postos de traballo e converténdose nun auténtico motor industrial para A Pobra do Caramiñal e o conxunto do Barbanza. Hoxe, non só homenaxeamos ao empresario, senón ao pioneiro, ao referente humano que apostou por Galicia, pola calidade e pola innovación desde o corazón da súa vila”, indicou o presidente da patronal pobrense, que destacou a Severino Escurís como un dos socios fundadores da Asociación.
En nome de Severino Escurís falou o seu fillo Juan Carlos Escurís Villa, conselleiro de ACTEMSA, que agradeceu “a mellor homenaxe posible, a dos seus veciños e compañeiros”, e relatou algúns fitos da súa carreira profesional, que foron mostrados ao comezo do acto nun vídeo conmemorativo. “Na súa longa traxectoria, o meu pai impulsou, ademais da fábrica de Baiuca, que inauguramos en 1984 e supuxo unha auténtica revolución industrial, a creación de empresas de envases e soportes de madeira e cartón, Cartogal; de alimentación animal, Tunaliment, da frota atuneira Albacora, dunha planta industrial en Holanda; en definitiva, contribuíu ao crecemento do sector en toda a súa dimensión”. Así mesmo, destacou a súa vocación social e a súa inquietude por mellorar a sociedade, como por exemplo como fundador e vicepresidente de Euroespes.
A deputada de Emprego e Industria da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, valorou a figura “dun home cuxa traxectoria é sinónimo de esforzo, visión e compromiso coa nosa terra” e sinalou que a institución provincial “quere recoñecer o que fixo e como o fixo: con humildade, con constancia e con compromiso social”.
Por parte da Xunta de Galicia asistiron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación, Cándido Rial, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez.
Rial destacou “o labor deste empresario que, coa súa traxectoria, converteuse nun referente indiscutíbel do sector conserveiro e nun motor da economía vinculada á actividade marítimo-pesqueira de Galicia; unha traxectoria impecábel que inspira ás xeracións máis novas, sendo reflexo dun emprendemento responsábel, capaz de competir ao máis alto nivel e sen perder a súa identidade”.
Pola súa banda, Sandra Vázquez, puxo en valor “o extraordinario labor de Severino Escurís á fronte dunha empresa familiar que é referente no seu sector e o seu exemplo de dedicación, traballo e compromiso nunha industria de gran potencial en Galicia, como é a da transformación de produtos do mar”.
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan M. Vieites, e o vicepresidente da Confederación de Empresarios da Coruña, José Villarnovo, fixeron fincapé no seu carácter pioneiro e a súa aposta pola empresa familiar.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso, lembrou a distinción por parte da entidade a Severino Escurís, e o compromiso de ACTEMSA coa institución.
Así mesmo, quixeron mostrar o seu agarimo a Severino Escurís o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o que foi alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, ademais do presidente de honra da Asociación de Empresarios, Manuel Tomé.
O acto contou coa vertente musical da Escola de Música da Pobra, que interpretou varias pezas ao longo da cita.

Traxectoria dun empresario centenario
Don Severino Escurís naceu o 18 de xullo de 1925 en Rianxo e trasladouse á Pobra do Caramiñal aos catorce anos; incorporándose á conserveira Escurís recentemente fundada polo seu pai aos dezasete anos. Foi nomeado como presidente do consello de administración en 1979 e ao xubilarse crea ACTEMSA cos seus fillos en 1994 aos 69 anos, inaugurando o polígono da Tomada en Pobra do Caramiñal.

Recibiu os recoñecementos do Goberno de España, coa Medalla ao Mérito do Traballo en 2014, da Cámara de Comercio e dos seus compañeiros empresarios, de cuxas organizacións sempre foi partícipe, como de ANFACO, coa distinción á súa traxectoria empresarial concedida este mesmo ano. Ademais, a conserveira Escurís foi recoñecida coa Medalla da Xunta de Galicia en 1991. Foi tamén distinguido hai unhas semanas pola Deputación da Coruña nos Premios PEL.