A Deputación da Coruña distingue a destacada traxectoria empresarial de Severino Escurís e o empuxe innovador da firme boirense Orixe Salgada

20 Xuño 2025

O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu na noite deste 20 de xuño a gala de entrega dos Premios PEL da Deputación da Coruña, uns galardóns que recoñecen anualmente as mellores iniciativas empresariais da provincia e que este ano celebran a súa sétima edición. As empresas galardoadas foron CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G), Espazo Nature Retreat SL e a firme de contidos divulgativos para plataformas Somadrome Films SL, que recibiron un premio de 20.000 euros cada unha polo “seu compromiso co emprendemento, a innovación e a sustentabilidade”. Tamén obtiveron distinción a firma boirense Orixe Salgado e histórico empresario da Pobra Severino Escurís.

Segundo fixo saber a Deputación, a presente edición “fixo historia” ao rexistrar a maior participación dende a creación dos premios, con 127 candidaturas presentadas: 31 na categoría de Iniciativa Emprendedora, 79 na de Traxectoria Empresarial e 17 propostas polo xurado para a categoría de Proxección e Innovación Sostíbel.

“Esta alta participación demostra que os Premios PEL interesan, que son necesarios e que están plenamente consolidados como un referente no ecosistema empresarial da provincia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que presidiu a gala.

O presidente felicitou ás empresas premiadas e ás que recibiron accésits, destacando “o talento, o esforzo e a capacidade de innovar dende calquera punto da provincia, mesmo dende os concellos máis pequenos”. Tamén agradeceu a participación de todas as candidaturas presentadas que non obtiveron galardón este ano “porque sen elas non existiría este proxecto colectivo que é o Plan de Emprego Local”.

Durante o acto, Formoso fixo un balance do Plan de Emprego Local (PEL), ao que definiu como “un dos proxectos máis transformadores da Deputación da Coruña”.

Engadiu que “hoxe estamos a falar do maior Plan de Emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que leva mobilizado 120 millóns de euros investidos dende o seu inicio, con 7.700 empregos creados, 2.700 pemes e 4.000 autónomos beneficiados pola axudas do PEL, ademais dunha rede de 11 coworkings que axudou a impulsar máis de 300 proxectos emprendedores. Detrás de cada unha destas cifras hai nomes, proxectos e soños cumpridos e, sobre todo hai moito futuro”.

As empresas gañadoras nas categorías principais deste ano foron:

Espazo Nature Retreat, S.L. (Premio á Iniciativa Emprendedora). É un campamento turístico de alta calidade aberto ao público desde marzo de 2024, situado no espazo natural de Razo-Baldaio, no concello de Carballo. Ofrece unha experiencia de aloxamento sostíbel a través de 22 unidades (entre cabanas eco, vilas e tendas de glamping) para unhas 70 persoas, incluíndo opcións adaptadas a persoas con mobilidade reducida e zona para autocaravanas. Conta cun edificio de servizos centrais con restaurante, sala de usos comúns e espazos para actividades de benestar. O seu restaurante Espazo Gastro, aberto ao público, aposta por unha proposta culinaria baseada en produtos locais. O proxecto logrou as certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Somadrome Films, S.L. (Premio á Traxectoria Empresarial). É unha produtora audiovisual con sede en Oroso, especializada en documentais científicos e culturais para o mercado internacional. Fundada en 2017, aposta por un modelo de negocio innovador, dixital e centrado na calidade narrativa e no impacto social. Conta cun amplo catálogo de máis de 15 producións emitidas en canles e plataformas de todo o mundo, como Netflix, ARTE, Discovery Channel, TVE, Movistar, TVG, BBC, RAI, NHK, Foxtel ou Al Jazeera. O seu traballo contribúe a visibilizar o talento galego e achegar historias locais ao público global.

CLUN: Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G. (Premio á Proxección e Innovación Sostíbel). Cooperativa de referencia no sector lácteo galego, resultado da fusión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Con sede en Negreira e 3.500 socios, dinamiza o sector produtivo no rural da provincia cun impacto social e económico destacado. Conta con centros de transformación de leite e fertilizantes, ofrece servizos de asesoramento e comercialización, e aposta pola innovación e a formación continua a través da colaboración con estudantes e participación en proxectos de I+D.

Accésits

O xurado recoñeceu tamén con accésits, dotados cun premio económico de 5.000 euros, ás seguintes empresas:

Orixe Salgada, S.L. (Accésit Iniciativa Emprendedora).Iniciativa pioneira con sede en Boiro que desenvolve unha biorrefinería para procesar algas de arribazón mediante técnicas 100% naturais e sen residuos. O proxecto transforma un residuo das confrarías galegas en produtos de alto valor engadido, cun forte impacto ambiental e social.

La Pradera Online (Accésit á Traxectoria Empresarial). Tenda en liña especializada en alimentación e benestar para pequenas mascotas como coellos e roedores. Conta con 32.000 usuarios rexistrados e realiza máis de 2.500 envíos mensuais a España e Portugal. O seu obxectivo é consolidar un novo sector de mercado agroalimentario galego baseado no cultivo de feos (henos) para mascotas.

Galopín Playgrounds, S.L. (Accésit Proxección e Innovación Sostíbel). Empresa con sede en Cerceda, pioneira no deseño e fabricación de parques infantís e biosaudábeis. Cunha traxectoria de máis de 25 anos, ten desenvolvido proxectos nos cinco continentes promovendo espazos de xogo inclusivos, sostíbeis e sen barreiras.

Recoñementos especiais para Severino Escurís e Fernanda Tabarés

Durante a noite entregáronse tamén dous recoñecementos especiais á xornalista Fernanda Tabarés e ao empresario Severino Escurís Batalla.

Fernanda Tabarés, responsábel de Voz Audiovisual e presidenta de Pedralonga Estudios é, en palabras da Deputación, “unha figura sobresaínte do xornalismo galego”. Recibiu o galardón “polo seu traballo comprometido e independente, pola súa defensa do papel fundamental da muller na sociedade e nos medios de comunicación e como figura de referencia no sector audiovisual galego”.

Severino Escurís Batalla, veterano e histórico empresario da Pobra do Caramiñal nado en 1925, recibiu o galardón por toda unha vida dedicada ao sector conserveiro galeo. A piques de cumprir 100 anos, é un dos empresarios máis veteranos de Galicia e España. Iniciou a súa traxectoria na empresa familiar Conservas Escurís (A Pobra), desde onde impulsou una visión pioneira e unha firme vocación industrial que marcaron profundamente o desenvolvemento do sector conserveiro galego. O seu legado continúa sendo exemplo de esforzo, innovación e compromiso coa calidade alimentaria.

“Con esta nova entrega, os Premios PEL consolídanse como un dos recoñecementos máis relevantes do emprendemento a nivel galego e estatal, promovendo a cultura emprendedora e visibilizando o papel das empresas como axentes de transformación social e territorial”, engadiu a Deputación.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.