O Viveiro de Empresas da Estrada (Pontevedra) acolleu a comezos desta semana a inauguración do curso Expendedor de combustíbel. A formación, na que participan un total de quince persoas, está dirixida a persoas en situación de desemprego e en risco de exclusión social.

A iniciativa está organizada no marco do programa Ribeira Inserta2, impulsada pola asociación barbanzá Amicos dentro do programa +Empleo, co-financiado pola Fundación “La Caixa” e polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a pobreza para o período 2021-2027.

No acto de apertura participaron Uxía Varela, supervisora de SBC Gasolineras, Pablo Penide, técnico de orientación laboral de Amicos na zona do Deza e Tabeirós, e as técnicas do programa Ribeira Inserta2. Todos eles quixeron animar ao alumnado a aproveitar o curso, que se impartirá ata o vindeiro mércores 4 de xuño, en horario de 9.00 a 14.00 horas en modalidade presencial.

Na cita Uxía Varela animou aos participantes a “aproveitar esta formación porque sempre hai posibilidades de atopar traballo neste sector, e as ganas e a actitude son vitais. É moi importante traballar para inserir a tódalas persoas na sociedade, todas e todos temos dereito a traballar e se existen as capacidades axeitadas para desempeñar un posto laboral, é moi bo participar e prepararse en iniciativas como esta”.

Os e as integrantes que participan no programa de Ribeira Inserta2 contan cun servizo individualizado de orientación laboral e formativa, así como dun seguimento personalizado da súa situación para favorecer as súas posibilidades de inserción.